A Coruña homenaxea a Trini Falcés cunha exposición que rescata a súa vida e activismo
A Coruña inaugura este 10 de xaneiro na biblioteca municipal Durán Loriga a exposición "Relembrando a Trini", un tributo á vida e ao activismo de Trinidad Falcés, muller trans e figura clave na defensa dos dereitos LGBTIQA+ en España. Falecida en 2022 aos 80 anos, Trini liderou en 1977 a primeira marcha do colectivo en Barcelona, onde viviu durante 30 anos, nun contexto de forte represión.
A mostra, organizada pola Deputación da Coruña e comisariada por Sergio Marey, permite reconstruír a vida desta activista coruñesa a través de obxectos tan significativos como o traxe que levou nunha homenaxe, documentos sobre a súa detención e estancia en prisión ou pezas da súa bisutería persoal. "Trátase de construír a imaxe de Trini e comprender o impacto que tivo tanto no activismo como na súa vida privada", explica Marey.
Fito Ferreiro, membro da Asociación Palestra, lembra a súa fortaleza nos últimos meses: "Era unha sobrevivente. Vivía dunha pensión non contributiva, como case tres de cada catro persoas maiores LGTBI".
O acto de inauguración incluirá a presentación do libro "É mellor loitar que morrer de fame", escrito por Sergio Marey, ademais de dúas charlas: "Situación trans onte, hoxe e mañá", a cargo de Laura Bugallo, e "Cuiruña e a importancia da literatura cuir", impartida por Diego Maseda. A exposición permanecerá aberta ata o 20 de xaneiro.