A Coruña habilitará dous novos aseos autolavables nos barrios de Labañou e Novo Mesoiro
O Concello da Coruña mellorará e ampliará proximamente a rede de servizos públicos da Coruña coa instalación de dous novos aseos autolavables na praza da Tolerancia, en Labañou, e tamén no barrio de Novo Mesoiro, unha medida que suporá un investimento de algo máis de 160.000 euros.
A alcaldesa, Inés Rey, incidiu hoxe no compromiso do Goberno municipal “para dotar a cidade e a veciñanza dos mellores servizos nos espazos públicos”. No caso dos aseos, son especialmente demandados por persoas en idade avanzada e tamén por familias con crianzas. A este respecto, cómpre lembrar que antes do verán xa se habilitaron outros dous aseos autolavables no sector do paseo Marítimo próximo á Torre de Hércules e a praia das Lapas, así como na contorna das Lagoas, dous puntos onde na tempada estival hai un importante incremento de turistas.
Este tipo de aseos facilitan o mantemento e limpeza dos aseos como espazos públicos, xa que contan cun sistema de lavado automático de chan e inodoro despois de cada uso. Este sistema actívase cando a persoa usuaria do servizo sae, accionándose co peche da porta.
Actualmente, a cidade conta con 56 unidades de aseos públicos de diversos tipos (químicos, automáticos e de obra), que lle dan servizo á cidadanía que transita pola rúa. Nas vindeiras semanas pasarán a ser 58, ao licitarse o contrato de subministro destes dous novos aseos.