A Coruña finaliza a restauración do Cruceiro de Labañou, símbolo histórico da cidade
O Concello da Coruña vén de finalizar a restauración do emblemático Cruceiro de Labañou, unha peza histórica recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu valor patrimonial. A intervención, coordinada pola restauradora Rocío Barreiro Lopo, tivo como obxectivo non só reparar os danos sufridos polo paso do tempo, senón tamén garantir a súa conservación a longo prazo.
Os traballos comezaron no pasado mes de setembro e estruturáronse en catro fases principais. Primeiro, o cruceiro foi desmontado para o seu traslado a un taller especializado, onde se procedeu á clasificación e siglado de todas as pezas. A continuación, acometeuse a restauración das partes deterioradas e a reposición daqueles elementos que faltaban. Unha vez rematadas as reparacións, o cruceiro foi devolto ao seu emprazamento orixinal.
A intervención tamén incluíu a limpeza exhaustiva da estrutura, con especial atención á eliminación de microorganismos como algas, liques e fungos, ademais de vexetación que se fora acumulando. Para evitar que estes problemas reaparezcan no futuro, aplicáronse métodos específicos de control.
O proxecto contou cun orzamento de 14.000 euros, destinado tanto á reparación como á mellora do estado de conservación da peza. Tras a finalización dos traballos, o Concello presentou a restauración á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia para a súa valoración.
Esta restauración responde a unha antiga demanda da veciñanza de Labañou, que levaba tempo reclamando a preservación deste símbolo histórico da zona. O goberno municipal de Inés Rey cumpre así coa promesa de manter e mellorar o patrimonio da cidade.