A Coruña estreará a I Feira Artesá do Nadal, un escaparate único da artesanía galega

ACoruñaXa
Do 20 de decembro ao 5 de xaneiro, os Xardíns de Méndez Núñez acollerán a primeira edición deste evento dedicado aos oficios tradicionais e á creatividade galega
feira de nadal coruña
27 Nov 2024

A artesanía galega terá un protagonismo especial estas festas coa celebración da Primeira Feira Artesá do Nadal. Este evento, organizado pola Asociación Galega de Artesáns e apoiado polo Concello da Coruña, a Fundación Pública Artesanía de Galicia, a Xunta e a Deputación da Coruña, desenvolverase nos Xardíns de Méndez Núñez, á altura da Avenida da Marina, entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.

A inauguración oficial terá lugar o venres 20 de decembro ás 12:30 horas cun acto no que participarán autoridades locais e autonómicas, que percorrerán os diferentes postos para destacar a importancia cultural e económica da artesanía na nosa terra.

Durante estas dúas semanas, veciños e visitantes poderán gozar dun completo escaparate de oficios tradicionais, aberto ininterrompidamente de 12:00 a 21:00 horas. A feira ofrecerá desde xoiería contemporánea e cerámica delicada ata sombreirería, traballos en coiro, marquetería e instrumentos musicais.

Máis aló de ser unha oportunidade para atopar ese agasallo único e especial, a feira permitirá coñecer de preto o labor das mans que manteñen viva a esencia do patrimonio artesanal galego.

 

0.17733502388