A Coruña envía un novo equipo de 13 bombeiros a Valencia para apoiar na resposta á DANA

ACoruñaXa
O equipo relevou a 12 efectivos que xa están colaborando en tarefas de rescate e asistencia en municipios valencianos
Bombeiros Coruña a Valencia
8 Nov 2024

O Concello da Coruña mobilizou esta mañá un grupo de 13 novos bombeiros voluntarios, que partiu cara á Comunidade Valenciana para colaborar na xestión da emerxencia causada pola DANA. Este equipo dará o relevo aos 12 efectivos que desde o luns están en Valencia, onde están a traballar en diversas tarefas de apoio en varios municipios, en coordinación coa Xunta de Galicia e baixo a supervisión da Generalitat Valenciana.

Os bombeiros coruñeses, que xa actuaron en localidades como Masanasa, Albail, Catarroja e Paiporta, estiveron realizando labores de achique de auga en garaxes, liberación de vehículos e revisións para asegurar a seguridade en cada área. Tamén se uniron a outras tarefas en función das necesidades de cada localidade afectada.

En colaboración coa Unidade Militar de Emerxencias (UME), os bombeiros da Coruña participaron na liberación do Barranco de Torrent en Catarroja, retirando árbores, coches e axudando na busca de persoas desaparecidas. Esta intervención continuará hoxe para estabilizar a zona.

A alcaldesa quixo agradecer aos bombeiros a súa solidariedade e compromiso coas persoas afectadas pola DANA, recordando que o Concello da Coruña seguirá prestando a súa axuda "no que sexa preciso", en colaboración coas administracións implicadas, mobilizando recursos e persoal para afrontar esta emerxencia.

0.068027019500732