A Coruña enfróntase a unha emerxencia sanitaria encabezada pola queima de contedores e a acumulación de lixo

ACoruñaXa
Os actos vandálicos custan 400.000 euros ao Concello, mentres que a recollida de lixo segue sendo insuficiente en varias zonas da cidade
Imaxe da folga de lixo na Coruña no barrio de Eirís
30 Xul 2024

A Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria da Coruña, composta pola alcaldesa Inés Rey e varios concelleiros e técnicos municipais, analizou este martes a situación actual da recollida de lixo e as incidencias vandálicas que afectan á cidade. Desde o pasado 24 de xuño, durante a celebración de San Xoán, rexistrouse a queima de 148 contedores nos diferentes distritos, o que supón un custo de case 400.000 euros para as arcas municipais, ademais de provocar danos a bens patrimoniais, como vehículos particulares e un inmoble.

Neste setido, Valoriza, a empresa de emerxencia encargada de reforzar a recollida de residuos, recolleu na súa quinta xornada un total de 42 toneladas de lixo inorgánico e voluminoso sen incidencias. Desde o inicio da recollida de emerxencia, xa se retiraron 280 toneladas de lixo acumulado nas rúas da cidade.

Na última noite, rexistrouse un novo acto vandálico coa queima dun contedor na rúa Mozart pasadas as 22.00 horas, sen que se produciran danos significativos na contorna.

Solicitude de medidas contundentes á concesionaria

No segundo día de folga indefinida, ningunha persoa traballadora secundou o paro, segundo confirmou a concesionaria. A pesar diso, as rúas seguen con acumulacións de lixo sen recoller. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que pedirá á concesionaria que actúe con contundencia contra aquelas persoas que non están a realizar o seu traballo.

Balance da recollida de lixo por zonas

Na pasada madrugada, a empresa concesionaria Prezero realizou a recollida de lixo nas distintas zonas da cidade coas seguintes porcentaxes:

  • Monte Alto: 15%
  • Cidade Vella: 90%
  • Pescaría - Centro: 75%
  • Os Rosales - Labañou: 10%
  • Estadio: 75%
  • Ventorrillo - Agra do Orzán: 25%
  • Sagrada Familia: 5%
  • A Sardiñeira - Elviña: 10%
  • Os Mallos: 80%
  • O Castrillón: 20%
  • Os Castros: 15%
  • Matogrande - Eirís: 0%
  • Mesoiro - Feáns - Valaire: 5%

A situación sanitaria e de limpeza na Coruña segue sendo crítica, e o Concello está a traballar intensamente para resolver estas problemáticas e garantir un ambiente seguro e limpo para todos os veciños.

0.19168496131897