A Coruña e Arteixo recibirán 128.000 euros para grandes citas deportivas

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña inclúe catro eventos na cidade herculina e dous no municipio arteixán dentro da súa liña de apoio a probas de prestixio
DIPU CORU samurai xtreme race
5 May 2026

A Coruña e Arteixo figuran entre os concellos da área que se beneficiarán da nova liña de axudas da Deputación para grandes eventos deportivos. A institución provincial vén de conceder, de forma provisional, medio millón de euros a 24 entidades para apoiar campionatos do mundo, probas europeas e competicións estatais en diferentes disciplinas.

Nos concellos da nosa cobertura, as subvencións suman 128.000 euros. A maior parte corresponde a eventos vinculados á cidade da Coruña, con catro citas apoiadas por un importe total de 87.000 euros. Entre elas está o Campionato do Mundo de 100 quilómetros Ames-A Coruña, organizado polo Club Deportivo Elemental Ecodeporte, que recibirá 21.500 euros.

Tamén na Coruña se inclúen o 10 EcoRally A Coruña, da Escudería La Coruña, con 19.500 euros; a competición internacional WKF Series A de karate, promovida pola Federación Española de Karate, con 24.500 euros; e o XXXIX Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns da Coruña, da Federación Galega de Atletismo, con 21.500 euros.

Arteixo, pola súa banda, contará con dúas probas destacadas dentro desta convocatoria. O Club Motomontañismo Arteixo recibirá 21.500 euros para o Trial das Nacións-Arteixo 2026, mentres que a Escudería Peña Autocross Arteixo contará con 19.500 euros para o 30 Autocross Arteixo, puntuable para o Campionato de España.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que a Deputación leva anos traballando para que a provincia acolla eventos de interese internacional. Segundo sinalou, estas competicións contribúen a reforzar a proxección deportiva do territorio e xeran tamén impacto económico nos concellos nos que se celebran.

0.12570786476135