A Coruña destinará 450.000 euros ás actividades educativas nos colexios públicos durante o vindeiro curso

O Concello da Coruña financiará un ano máis as actividades educativas nos colexios públicos da cidade tras renovar o convenio de colaboración coa Federación de ANPA para o curso 2026-2027. O acordo, asinado este xoves pola alcaldesa, Inés Rey, e pola presidenta da Federación, Lidia Paz, supón un investimento municipal de 450.000 euros destinado ao desenvolvemento da programación de lecer nos centros.
Entre as novidades desta edición figura a incorporación do programa Chorus, unha iniciativa musical e divulgativa impulsada polo Concello o pasado curso, na que participaron máis de 640 estudantes e que reuniu a máis de 6.000 persoas no concerto final.
Ademais desta proposta, o convenio mantén e reforza os principais programas de actividades extraescolares. A área de Arte e Cultura inclúe iniciativas relacionadas co teatro, a lóxica matemática, a ciencia e a maxia, a expresión plástica, as novas tecnoloxías e a aprendizaxe da lingua de signos. Pola súa banda, Deporte no Centro continuará promovendo a práctica da actividade física e os hábitos saudables entre o alumnado, mentres que Idiomas no Centro ofrecerá actividades de inglés e francés para estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria, co obxectivo de mellorar a comprensión e a expresión oral.
Inés Rey destacou que “mais tamén blindamos os outros grandes eixes do programa, coas actividades deportivas, culturais e de aprendizaxe de idiomas. Ferramentas diversas moi necesarias para o desenvolvemento dos nosos fillos e fillas”. A rexedora engadiu ademais que “creo que o compromiso do Concello e a Federación queda fóra de toda dúbida, porque pechamos, un ano máis, un dos mellores programas posibles para os rapaces e rapazas”.
Segundo lembrou o Goberno local, este convenio permite que os centros públicos poidan ofrecer actividades extraescolares que, segundo sinala o Concello, non serían posibles sen esta achega municipal, ao non estar financiadas pola Xunta de Galicia.
Durante a presentación do acordo, a alcaldesa aproveitou tamén para reclamar ao Goberno autonómico un plan de rehabilitación integral para os colexios públicos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial da cidade, ao considerar insuficientes os investimentos realizados pola administración con competencias en materia educativa.
Rey asegurou que “para o ano 2026 desde o Concello, sen competencias en Educación, temos programada a execución de 1,7 millóns en investimentos nos colexios e 2,7 millóns en execucións de mantemento. Só este verán, haberá máis de 40 actuacións. Estamos a poñer todo o que temos en tratar de dar un servizo digno en todos e cada un dos centros da rede. Mais, e o digo con claridade, non é suficiente. Pedimos unha e outra vez á Xunta que se faga responsable das súas competencias para que os nosos rapaces podan desenvolverse en centros dignos e a altura do que precisan”.
Neste contexto, lembrou que o pasado luns o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, entregou ao director territorial da Consellería de Educación un informe elaborado polo Concello no que se recollen as necesidades de rehabilitación e mellora dos centros públicos da cidade derivadas, segundo o Goberno local, da falta de investimento autonómico.
A alcaldesa insistiu na necesidade de manter unha colaboración estable entre administracións para dar resposta ás deficiencias existentes e concluíu que “o Concello fai todo o que está da súa man, pero moitos centros presentan carencias estruturais que deben de ser abordadas pola administración autonómica”.