A Coruña da luz verde ao estudo de detalle para a construción do centro de Día de Adaceco en Eirís
O Pleno municipal do Concello da Coruña aprobou de forma definitiva e por unanimidade por parte da Corporación, o estudo de detalle que permitirá acometer a construción dun novo centro de día promovido pola Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco) no barrio de Eirís.
Os primeiros pasos para concretar esta medida déronse no pasado mandato. Concretamente, en agosto de 2019, cando o Concello cedeulle á entidade, por un período de 75 anos, un terreo municipal localizado na parcela nº 45 do API R31 de Eirís. Xa a finais de outubro de 2023, a Xunta de Goberno Local deu a súa aprobación inicial ao estudo de detalle para construír o edificio que albergará o centro de día, documento que pasou deseguida a exposición pública —sen se rexistrar alegacións durante o período administrativo correspondente—, e que hoxe recibiu o visto bo definitivo do Pleno municipal.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, subliñou “o importante labor que desenvolve Adaceco na cidade”, e recalcou “a urxente necesidade de espazos para que a entidade leve a cabo o seu traballo nas mellores condicións”. A este respecto, Díaz Gallego incidiu no traballo conxunto que levaron a cabo nos últimos meses as Áreas municipais de Benestar Social e Urbanismo con Adaceco, que se concretou na aprobación definitiva do estudo de detalle rubricada esta mañá no Pleno.
“Esta era unha das principais prioridades do Goberno municipal. A cidade tiña unha débeda coas entidades que traballan pola saúde da cidadanía. Hoxe, damos un paso máis para ir saldándoa”, indicou Díaz Gallego, quen recordou a falta de apoio económico por parte da Xunta para a execución do proxecto da entidade.
A edificación, que se construirá nunha parcela cunha superficie de case 2.000 metros cadrados, terá unha planta baixa e dúas alturas. “Traballaremos por impulsar a licencia á maior brevidade”, incidiu o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda.