A Coruña da luz verde á nova ordenanza SITE para preservar a arquitectura local
A Coruña dá un paso cara á modernización enerxética mantendo o respecto polo patrimonio arquitectónico coa aprobación inicial da ordenanza de Sistemas de Illamento Térmico Exterior (SITE). O texto, que foi impulsado polo Goberno local, regula as actuacións en fachadas para mellorar a eficiencia enerxética, evitando cambios que prexudiquen a estética urbana.
O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, explicou durante o pleno municipal que esta medida responde ao aumento das intervencións incentivadas por axudas públicas. “Estas actuacións melloran a calidade de vida, pero tamén supoñen un uso indiscriminado que transforma a imaxe das fachadas e, por extensión, da cidade”, apuntou. O obxectivo da nova ordenanza é establecer un marco que combine a modernización necesaria coa protección do aspecto arquitectónico da cidade.
Nos edificios catalogados, a ordenanza limita a instalación de sistemas de illamento na cara exterior, aínda que contempla excepcións en zonas como medianeiros, fachadas traseiras ou patios interiores. Para os edificios non catalogados, permítese maior flexibilidade, pero sempre respectando a composición orixinal e materiais emblemáticos, como elementos pétreos ou cerámicos.
Outro punto destacado é a obrigatoriedade de obter o ditame previo da Comisión Asesora para intervencións en edificios situados en áreas do PEPRI, reforzando así o control sobre as actuacións en zonas protexidas.
A aprobación inicial do texto abre agora un período de información pública de 30 días, durante o cal a cidadanía poderá presentar achegas ou alegacións para enriquecer o documento antes de levarse a pleno para a súa ratificación definitiva.
Ademais, no mesmo pleno, abordáronse outras cuestións urbanísticas como a suspensión cautelar do planeamento no ámbito das Percebeiras en Labañou. Esta medida permitirá ao Concello estudar modificacións que respecten o medio ambiente, as vistas da Torre de Hércules e a integración co tecido urbano existente, ao tempo que se busca garantir unha vivenda protexida do 40% no proxecto final.