A Coruña conxelará as taxas e impostos municipais para o 2025

ACoruñaXa
O pleno municipal aproba novas medidas de apoio á cidadanía, homenaxea aos bombeiros que axudaron ás vítimas da DANA e impulsa o crecemento da Cidade das TIC
Pleno Coruña novembro 2024
7 Nov 2024

O Goberno municipal anunciou hoxe que conxelará as taxas e impostos municipais de cara ao 2025, unha medida que, segundo indicou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, busca aliviar a carga económica das familias e empresas da cidade ante o incremento do IPC e dos custos xerais de vida. Lage sinalou que esta decisión beneficiará a toda a cidadanía e avanzou que, de cara ao 2026, o Concello revisará a progresividade fiscal para buscar unha maior xustiza tributaria.

O pleno do Concello comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas da DANA que nas últimas semanas afectou provincias como Valencia e Albacete. A alcaldesa, Inés Rey, trasladou a solidariedade da Corporación municipal a estas comunidades, resaltando o compromiso dos bombeiros coruñeses que se desprazaron a Valencia para apoiar nas tarefas de rescate e asistencia aos afectados. “O noso agradecemento é enorme para aqueles que deixaron os seus fogares e dedicaron horas de traballo intenso en situacións de extrema dificultade,” sinalou Rey, enumerando un a un aos profesionais que participaron neste operativo.

Por outra banda, o Goberno municipal aprobou inicialmente a modificación dos estatutos da Sociedade Xestora da Cidade das TIC, unha entidade que promove o crecemento do polo tecnolóxico na cidade en colaboración coa Universidade da Coruña. José Manuel Lage explicou que a modificación responde á vontade de ambas as institucións de fortalecer a colaboración e adaptarse aos cambios no equipo de goberno da UDC. Co Concello como socio maioritario, a Cidade das TIC está destinada a converterse nun motor de desenvolvemento económico e tecnolóxico en Galicia, con proxectos de vangarda que impulsarán a economía local e ofrecerán emprego de calidade. Para este propósito, o Goberno de Inés Rey ten comprometidos 3,1 millóns de euros para as obras de urbanización do espazo en Pedralonga.

O pleno tamén abordou un estudio de detalle que permitirá mellorar a accesibilidade no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade das Xubias, en colaboración coa Xunta de Galicia. Esta reforma interior contempla a construción de novas pasarelas e a creación dun aparcadoiro subterráneo, facilitando o acceso e a mobilidade dentro do complexo para as persoas usuarias e os seus acompañantes. O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, resaltou a importancia desta intervención para mellorar a calidade de vida dos residentes.

Ademais, o pleno aprobou unha modificación de crédito destinada ao apoio ao Básquet Coruña, cunha achega de 250.000 euros para a súa tempada na máxima categoría do baloncesto español. Complementariamente, destináronse 50.000 euros á Asociación de Clubes de Traineras para a organización de regatas na cidade, e 10.000 euros para apoiar á APEM na xestión dos cabaliños de Méndez Núñez, que constitúen un emblema do lecer familiar na Coruña.

 

0.19802498817444