A Coruña converterá o porto nun gran escenario cultural co ciclo Son & Mar, que reunirá doce eventos entre setembro e outubro

GaliciaXa | ACoruñaXa
Concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas gratuítas conforman unha programación que busca reforzar o atractivo turístico e cultural da cidade durante o outono
presentacion-ciclo-son&mar
21 Jul 2026

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, organizará este outono unha nova edición de Son & Mar A Coruña, un ciclo cultural e musical que levará ao porto da cidade unha programación formada por doce eventos entre os meses de setembro e outubro.

A iniciativa combinará concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas de acceso gratuíto, co obxectivo de consolidar A Coruña como un destino de referencia para o turismo cultural e de eventos tamén fóra da tempada estival.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este martes a programación e destacou que “grazas ao impulso dado polo Goberno de Inés Rey, continuamos a reforzar o posicionamento da Coruña como unha cidade capaz de atraer grandes eventos ao longo de todo o ano, ampliando a oferta cultural máis aló da tempada estival e xerando novas oportunidades para o sector turístico e hostaleiro”.

Castro tamén puxo en valor a colaboración entre o Concello, a Autoridade Portuaria e a Xunta de Galicia para facer posible este ciclo e sinalou que “este ciclo encaixa perfectamente na estratexia municipal de apostar por unha programación diversa, aberta a todos os públicos e capaz de combinar grandes nomes internacionais co talento galego, levando ademais a actividade cultural a un espazo tan singular como o porto da Coruña”.

Durante case un mes de actividade, máis de trinta artistas locais, nacionais e internacionais pasarán polos escenarios de Son & Mar. A programación incluirá estilos tan diversos como o pop, o indie, a música urbana, o reggaetón, a electrónica ou a música tradicional galega, apostando por unha oferta dirixida a públicos de todas as idades.

O ciclo abrirase o 18 de setembro coa actuación do DJ e produtor italiano Gabry Ponte. Nos días seguintes sucederanse propostas como o Picapop Tardeo, as actividades familiares de Mundo Juego, o espectáculo Sacro Mestiza, que fusiona música electrónica e flamenco, a cita urbana Dale Flow ou a festa internacional Bresh XXL.

A programación tamén reservará espazo para a música e a cultura galega con iniciativas como Orballo Cultural e Treboa Sonora, ademais de incluír varios eventos gratuítos pensados para fomentar a participación da cidadanía.

Segundo Gonzalo Castro, “o noso obxectivo é que a Coruña siga sendo un referente cultural no noroeste peninsular e que eventos como Son & Mar sirvan para atraer visitantes, dinamizar a economía local e ofrecer á cidadanía unha programación atractiva e de calidade”.

O peche desta edición terá lugar o 11 de outubro coa celebración do Wake Up! Festival, unha cita dedicada á música electrónica que porá o broche final ao ciclo.

A programación completa de Son & Mar A Coruña 2026 é a seguinte:

  • 18 de setembro: Gabry Ponte.19 de setembro: Picapop Tardeo.
  • 20 de setembro: Mundo Juego (gratuito).
  • 25 de setembro: Sacro Mestiza.
  • 26 de setembro: Dale Flow.
  • 27 de setembro: Orballo Cultural (gratuito).
  • 2 de outubro: Equis.
  • 3 de outubro: Treboa Sonora.
  • 4 de outubro: Mestizo Runner (gratuito).
  • 9 de outubro: Bresh XXL.
  • 10 de outubro: One Dance. Edición Tardeo.
  • 11 de outubro: Wake Up! Festival.
0.12169003486633