A Coruña contratará un software para controlar as colonias felinas urbanas cun investimento de 25.000 euros

ACoruñaXa
O sistema permitirá xeolocalizar as colonias, facer seguimento do método CER e xestionar as incidencias e as persoas colaboradoras
ARTEIXO colonias felinas
30 Aug 2026

O Concello da Coruña sacou a contratación un servizo para a xestión das colonias felinas urbanas mediante un novo software que permitirá controlar de maneira máis eficaz as poboacións de gatos comunitarios da cidade. O obxectivo é garantir o benestar dos animais e, ao mesmo tempo, reducir posibles problemas relacionados coa limpeza urbana e as molestias á cidadanía.

O contrato conta cun orzamento de 25.000 euros e terá unha duración de tres anos. A ferramenta deberá incorporar un mapa interactivo no que se poida consultar o estado das diferentes colonias felinas e a súa localización na cidade.

O programa tamén permitirá clasificar as colonias e acceder á información individual de cada exemplar a través do seu microchip. Ademais, facilitará a xestión das queixas, incidencias e situacións que poidan xurdir arredor destes animais.

Un dos principais eixos do sistema será o seguimento do protocolo CER (Captura, Esterilización e Retorno), establecido para controlar de forma ética e eficaz a poboación de gatos comunitarios. O segundo estará centrado na xestión das persoas e entidades que colaboran no coidado das colonias.

Neste apartado, o software permitirá diferenciar entre asociacións, persoal veterinario asignado e persoas alimentadoras. No caso destas últimas, tamén se poderá rexistrar se recibiron a formación correspondente e se dispoñen da autorización municipal para desenvolver esta actividade.

A ferramenta permitirá manter actualizada a información de cada colonia e coñecer datos como o número de gatos que a integran, o seu estado de saúde, as vacinacións realizadas, a esterilización ou a identificación mediante microchip.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, sinalou que "esta nova ferramenta de xestión facilitará o control do censo de gatos na cidade mantendo ao día a ficha de cada colonia, especificando o número exacto de gatos, o seu estado de saúde, vacinación, esterilización e o chip de identificación".

Neira tamén destacou que o novo programa permitirá "que as asociacións e as persoas coidadoras lles poidan notificar rapidamente incidencias sobre limpeza, saúde dos animais ou conflitos veciñais directamente aos equipos municipais".

A contratación responde á obriga establecida pola Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais, que atribúe aos concellos a responsabilidade da xestión das colonias felinas existentes nos seus municipios e a aplicación do método CER. A actuación intégrase na liña de traballo que o Goberno de Inés Rey mantén nesta materia no Concello da Coruña.

0.16422200202942