A Coruña contará este verán con tres novos espazos de sombra nos parques de Bens, Oza e Novo Mesoiro

ACoruñaXa
A instalación das estruturas irá acompañada da plantación de máis exemplares de arboredo en puntos estratéxicos máis expostos á luz solar, como parques infantís
Imaxe do Parque de Bens na Coruña
7 Jun 2026

O Concello ultima o plan de actuacións que permitirá habilitar novos espazos de sombra, con pérgolas cubertas, nos parques de Bens e Oza, onde está previsto instalar este tipo de estruturas en puntos estratéxicos máis expostos á luz solar e situados preto de equipamentos públicos.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, contextualizou esta medida, "especialmente necesaria para que, nos meses de verán, todas as persoas que transitan por estes espazos, ou os usan, dispoñan de áreas de lecer máis protexidas e frescas fronte ao incremento das temperaturas".

No caso do parque de Bens -que esta semana viviu o 25º. aniversario da súa apertura-, as novas pérgolas disporanse a carón do parque infantil da Blanca Quiroga, unha superficie ao aire libre que carece, a día de hoxe, de áreas sombreadas. Por iso, aproveitando a intervención, o Concello tamén novos exemplares de arboredo no perímetro da praza.

Esta folla de ruta terá continuidade no alto do parque de Oza. Concretamente, na praza peonil existente entre o camiño do Corgo e a rúa Montes, onde tamén hai unha pequena área de xogos infantís que carece de espazos de sombra. Alí, ademais das pérgolas, tamén se plantarán novas árbores froiteiras que contribúan a reverdecer a praza e mellorar as condicións ambientais da contorna.

O tipo de pérgola que se habilitará nos parques de Bens e Oza tamén será visible no parque infantil da rúa dos Ancares, no barrio de Novo Mesoiro, un recinto orientado ao sur e moi exposto á luz solar. Alí, ademais da instalación dos refuxios -cun modelo semellante á xa existente no parque infantil de Xuxán-, tamén se plantarán novas árbores e reverdecerase a contorna da área de xogos.

Noemí Díaz fixo fincapé na importancia destas accións "que, a pequena escala, permiten mellorar as condicións ambientais da cidade nun contexto global de cambio climático, mitigando o efecto 'illa de calor' na paisaxe urbana e, ademais, creando espazos máis agradables e acolledores para a cidadanía".

Sumando as tres actuacións en Bens, Oza e Novo Mesoiro, o Concello efectuará un investimento de case 150.000 euros, que lle permitirá ao Goberno de Inés Rey reforzar as súas políticas municipais de urbanismo bioclimático.

0.12083005905151