A Coruña conmemora este xoves o XV aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade

ACoruñaXa
Levarase a cabo un evento festivo coa Polifónica El Eco, a Asociación Cultural Son d’Aquí e persoas vinculadas á efeméride, na explanada da Torre de Hércules
Imaxe da Torre de Hércures na Coruña
26 Jun 2024

A Torre de Hércules celebra este ano o seu XV aniversario como Patrimonio Mundial pola UNESCO. O Concello da Coruña, con motivo da efeméride, programou unha serie de actividades culturais para conmemorar o fito que consolidou A Coruña como cidade histórica.

Mañá, xoves 27 de xuño, a explanada de Riazor acollerá un acto conmemorativo coincidindo co día da declaración, poñendo o foco en persoas vinculadas á historia da Torre de Hércules e á súa candidatura como Patrimonio da Humanidade. Pedro Pasantes, último fareiro da Torre de Hércules e en activo no 2009, familiares de Segundo Pardo-Ciárroga e Vázquez Iglesias, impulsores da candidatura, xunto con outras sorpresas. Será conducido polos xornalistas Marcos Sanluis e Lara Vivero, parte da comitiva que viaxou á cidade de Sevilla para informar da noticia no 2009, e ambientado pola Polifónica El Eco e a Asociación Cultural Son d'Aquí.

Durante a noite, o faro iluminarase de azul con motivo do seu aniversario. Xa o sábado 29 chegará o teatro ao pé da Torre, coa representación de 'A lenda de San Amaro' e 'Medea' de Eurípides, ambas interpretadas pola compañía Noite Bohemia. As funcións terán lugar ás 17.00 e ás 21.00 horas respectivamente, con entrada de balde ata completar capacidade.

Tamén será posible participar no Ave Crunia, programa de recreacións históricas organizadas pola asociación cultural Gallaecia Viva coas que aprender ou coñecer máis sobre os costumes e lendas romanas do século I. A proposta inclúe actividades para amosar como era a vida cotiá romana, obradoiros temático-lúdicos de divulgación cultural para todos os públicos e mesmo unha loita entre gladiadores.

Xa o 1 de agosto inaugurarase 'Reverberos', unha proposta de intervención plástica e sonora do artista Berio Molina que se desenvolverá dentro da propia Torre. O proxecto propón a instalación de tres conxuntos de esculturas sonoras que lembran o antigo faro de reverberos do século XIX, unha en cada unha das plantas do faro, e que actuarán como fanais acústicos emitindo a gravación da potencia telúrica da paisaxe sonora da contorna da Torre. Estes sons do mar e do vento collerán forza no corazón das cámaras, que funcionarán como perfectas caixas de resonancia.

Por outra banda, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda porá en marcha a Festa Amergin de Poesía Atlántica. Será os días 27 e 28 de agosto, onde a Torre de Hércules achegará unha conferencia sobre a instalación Reverberos, a cargo de Berio Molina e Ánxel Cerviño, comisario da exposición. A festa Amergin ten o seu propio programa e a Torre participará activamente nas actividades, onde o público poderá penetrar nas lendas das figuras que se atopan no parque escultórico da Torre.

Visitas guiadas para público infantil

No contexto da celebración do XV aniversario da Torre como Patrimonio Mundial, os días 27 e 28 de xuño desenvolveranse visitas guiadas infantís gratuítas á Torre. En total serán catro grupos de 15 nenos entre 8 e 12 anos cada día. As entradas para estas visitas serán gratuítas e estarán dispoñibles para as persoas interesadas na páxina de venda en liña.

Exposición da Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns do Patrimonio Mundial

A casa Museo Casares Quiroga acolle nestas semanas a exposición fotográfica da Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns do Patrimonio Mundial, con máis de 70 imaxes de sitios que forman parte da Alianza como a propia Torre de Hércules e os seus arredores. Nela poden verse emblemáticas paisaxes como as palmeiras de Elche, as montañas sacras de Gran Canaria, a Serra de Tramuntana, a arquitectura mudéxar de Aragón ou os xardíns de Aranxuez. A entrada á exposición é gratuíta e poderá visitarse ata este domingo, 30 de xuño.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18442296981812