A Coruña celebrou o XV aniversario de Torre de Hércures como Patrimonio da Humanidade
A Coruña celebrou na tarde de onte, xoves 28 de xuño, o XV aniversario da Declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, nun acto aberto á cidadanía e protagonizado por tres xeracións de coruñeses e coruñesas. A Polifónica 'El Eco' amenizou a chegada do cento de persoas que se achegaron á explanada da Torre de Hércules para conmemorar a efeméride, con Lara Vivero e Marcos Sanluis como conductores do acto.
O evento comezou con Luis Vázquez e Carolina Pardo-Ciórraga, fillos de José Luis Vázquez Iglesias e Segundo Pardo-Ciórraga, impulsores da candidatura coruñesa ante a UNESCO. O Concello iniciará os trámites para que A Coruña conte cunha rúa co nome de Segundo Pardo-Ciórraga, en homenaxe ao seu traballo.
A cita contou tamén con Pedro Pasantes, último fareiro da Torre de Hércules e nese posto no ano da Declaración. A el sumáronse Henrique Tello, tenente de alcalde e concelleiro de Turismo na corporación do 2009, xunto con Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria e Miguel Corgos, conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia. Ás 18.26 horas, hora na que se soubo a noticia no 2009, reproduciuse un audio recopilatorio dos informativos de diferentes medios de comunicación sobre a noticia.
A alcaldesa, Inés Rey, reivindicou o logro do 2009 como exemplo de traballo conxunto e símbolo do coruñesismo, plural e aberto, que identifica á cidade. "O logrado hai quince anos foi un éxito da sociedade coruñesa en comunión coas súas institucións máis próximas", sinalou.
O evento rematou con Nicolás Soto e Martín Aramburu, coruñeses nacidos o 27 de xuño de 2009, que sopraron as candeas polo seu quince aniversario xunto á Torre de Hércules. Ambos agradeceron o convite ao acto e expresaron sentirse orgullosos de ter nacido neste fía histórico e poder celebralo así. Ao son de 'Parabéns para ti', recibiron unha torta da man da Asociación Cultural Son d'Aquí. Durante a noite, o faro romano iluminarase en cor azul pola efeméride.
Máis actividades polo XV aniversario, ata setembro
O Concello da Coruña deseñou unha ampla programación para celebrar o XV aniversario, completando o acto conmemorativo e iluminación da Torre de Hércules no día de hoxe, que culminará o 30 de setembro co peche de 'Reverberos' de Berio Molina, unha proposta de intervención plástica e sonora do artista Berio Molina que se desenvolverá dentro da propia Torre.
Logo do evento, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizou no Pub Delirium Coruña unha presentación das actividades, amenizado polo concerto de folk-rock 'Distrito10'. Xa mañá, venres 28 de xuño, comezan coas palestras na sede da asociación: Ás 18.00 horas o faladoiro 'Arte no patrimonio mundial. O caso da Torre de Hércules' con Ángel Cerviño, Berio Molina e Ana Santorun; ás 19.00 horas son Antonio Sandoval, coa presentación de Aves e Natureza a partir da Canción de Amergin e ás 20.00 horas dun recital de poesía irlandesa.
No marco das actividades organizadas pola Asociación cultural Alexandre Bóveda en colaboración co Concello, o 6 de xullo ás 19.30 horas realizarase unha ruta polo ENIL da Torre de Hércules guiado por Xosé Alfeirán e Antonio Sandoval. E ás 21.00 horas terá lugar a Festa Amergin, na Praia das Lapas, con Xosé Manuel Sánchez Rei, Isabel Risco e o Grupo de Cantos na Taberna da AC Alexandre Bóveda, xunto con máis actuacións musicais e lectura de poemas.
O sábado 29 chegará o teatro aos pés da Torre de Hércules da man da Compañía Noite Bohemia, coa representación de 'A lenda de San Amaro' ás 17.00 horas e 'Medea', de Eurípides, ás 21.00 horas. Con entrada de balde ate completar capacidade.
Ademais, da man da Asociación Cultural Galaecia Viva, desenvolveranse diversas actividades do programa 'Ave Crunia'. Comezará tamén o sábado 29 de xuño ás 11.00 horas co desfile das tropas romanas por Brigantium (María Pita-As Atochas-Praza de España-Rúa Hospital-Paseo Marítimo-Torre de Hércules) e continuará ás 11.30 horas con diversos obradoiros e unha recreación dunha cerimonia a Marte, con Suovetaurilia + Sacramentum d degustación de gastronomía romana, ás 13.00 horas.
As actividades do Ave Crunia continuarán co seguinte horario:
Sábado, 29 de xuño
16.30 horas - Faladoiro-exposición: A medicina romana
17.30 horas - Recreación: Adestramento militar
18.0 horas - Faladoiro: Escritura e ferrería romana
19.00 horas - Pompa Gladiatoria. Desfile + reparto de moedas por parte do editor
19.30 horas - Recreación da inauguratio dos xogos gladiatorios (Mos Religiosus) + Combate de gladiadores (Gallaecia Viva)
Domingo, 30 de xuño
11.30 horas - Obradoiro: "Xogos romanos" (Gallaecia Viva)
12.30 horas - Recreación: "A voz das mulleres no foro romano: O discurso de Hortensia" (Cajón de Sastre, Mos Religiosus, Gallaecia Viva)
13.00 horas - Degustación de gastronomía romana (Gallaecia Viva)
13:00 horas - Faladoiro: Historia militar romana (Pax Romana, IX Hispana PU e Lucus Equites)