A Coruña celebra o Martes de Entroido con concursos e música no barrio de Monte Alto
A cidade da Coruña vive as horas previas ao Martes de Entroido, que chegará cargado de actos e actividades para todos os públicos. Os festexos terán como epicentro o barrio de Monte Alto, e máis concretamente o Campo da Leña e a rúa da Torre, onde se celebrarán os tradicionais concursos de disfraces infantís e de choqueiros.
A xornada comezará con diferentes ofrendas florais a grandes personalidades do Entroido coruñés. Ás 12.00 horas celebrarase a ofrenda a Fernando Cantero na rúa Arenal e ás 12.30 horas terá lugar a homenaxe a Canzobre na praza do Parque. Ás 13.30 horas será o descubrimento da placa á Choqueira do Ano, que este ano recae en Jesusa Cabeza García, 'Susa', na rúa San Xosé, e cuxo acto estará presidido pola alcaldesa, Inés Rey. Aproveitarase o acto para homenaxear a César. Por último, ás 14.00 horas haberá unha ultima ofrenda a Palau, na praza Juan M. Iglesias Mato.
Á tarde terá lugar a partir das 17.00 horas o concurso infantil de disfraces, que se celebrará no escenario situado no Campo da Leña. O Concello disporá unha gran carpa ante a posibilidade de chuvia durante a xornada. Poderanse presentar todas as nenas e nenos que se inscriban o mesmo día da celebración, ata a hora de comezo do concurso.
No concurso infantil de disfraces, con dúas modalidades (individual; e en grupo) poderán participar as nenas e nenos nados despois do 31 de decembro de 2011. Poderase participar nunha única modalidade. Os premios, con tres gañadores tanto na modalidade individual como na grupal, oscilarán entre os 50 e 150 euros, valedeiros para lotes de libros de literatura infantil.
As bases son idénticas ás que se formulan para o concurso infantil de choqueiras e choqueiros, que tamén se levarán baixo modalidade individual e grupal, e co mesmo balance de premios ás nenas e nenos gañadores.
O concurso de choqueiros da rúa da Torre
Por outra banda, unha vez remate o concurso infantil, a animación trasladarase á rúa da Torre, que previsiblemente estará ateigada de coruñeses e coruñesas celebrando o día grande do Entroido. Alí, á altura da Escola Municipal de Música, celebrarase o tradicional concurso de choqueiros e choqueiras, ao que a xente poderá apuntarse entre as 19.00 e as 20.00 horas no acceso principal á Escola Municipal de Música (Rúa da Torre, 67).
Será baixo dúas modalidades: individual e en grupo (máis de dúas persoas). Só se permitirá tomar parte nunha única modalidade. Poderán tomar parte neste concurso todas as persoas nadas antes do 31 de decembro de 2011. Os premios na modalidade individual oscilan entre os 150 e 500 euros; e entre 200 e 600 na modalidade grupal.
Tras o concurso, haberá unha actuación musical de Os Piñeiros Band. A xornada pecharase cos apropósitos que se interpretarán no Circo de Artesáns, onde se velará á sardiña por última vez antes de ser enterrada este mércores en San Amaro.
Habilitados puntos violeta
Durante a xornada permanecerá aberto un punto violeta fixo nunha carpa situada á altura da Escola Municipal de Música. O punto violeta informará e dará asesoramento para atallar posibles casos de violencia machista. Ademais, haberá outros dous puntos violeta itinerantes que se moverán polas zonas de maior concentración de persoas.
Dispositivo de tráfico
Para garantir a seguridade durante as celebracións, cortarase ao tráfico a rúa da Torre desde o cruzamento coa avenida de Hércules ata o Campo da Leña. O peche da rúa farase efectivo desde as 15.30 horas de mañá. Tamén pecharase á circulación o acceso á rúa Panaderas desde a Estreita de San Andrés. Nese caso o corte producirase segundo aumente a congregación de persoas nese punto. Ás doce da noite restablecerase a circulación.