A Coruña celebra o éxito de Cristina Blanco Sío-López, Premio Nacional de Investigación en Humanidades
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou esta mañá "o brillante futuro" da investigación desenvolvida nas universidades galegas, facendo fincapé no talento feminino como protagonista deste avance. O Ministerio de Ciencia recoñeceu con Premios Nacionais de Investigación para Xuventude a tres investigadoras galegas: Cristina Blanco Sío-López, Beatriz Pelaz e Verónica Bolón.
Pedro Blanco e a subdelegada na Coruña, María Rivas, recibiron a Cristina Blanco na Delegación do Goberno, onde lle trasladaron as súas felicitacións polo galardón na modalidade ‘María Moliner’, dedicado ás Humanidades. No acto tamén estivo presente o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao.
Durante o encontro, Pedro Blanco salientou que “estes premios reflicten o peso cada vez maior do talento feminino na ciencia que se fai nos centros e organismos galegos”. Ademais, subliñou a aposta do Goberno pola innovación a través da nova Lei de Ciencia, con medidas que buscan reforzar o financiamento e a frecuencia das convocatorias de axudas, sempre cun obxectivo claro: o progreso e o benestar social.
Cristina Blanco, investigadora Distinguida Sénior María Zambrano na Universidade da Coruña, foi premiada polo seu labor en Historia Contemporánea, especialmente polos seus estudos sobre o proceso de integración europeo. Este galardón recoñece a súa traxectoria internacional e a súa contribución ao coñecemento científico. Blanco lidera o proxecto Fundeu, financiado polo Plan de Recuperación do Goberno, e conta co Certificado I3 de Excelencia Investigadora.
Os Premios Nacionais de Investigación poñen en valor o mérito de investigadores e investigadoras de relevancia internacional que contribúen ao progreso da humanidade. Este ano, o Ministerio de Ciencia deu un paso adiante na promoción da igualdade, incluíndo medidas para garantir candidaturas equilibradas que reflictan a realidade da ciencia en España.