A Coruña celebra con éxito a primeira edición de WordCamp Galicia, que reúne a 250 persoas arredor da tecnoloxía e o código aberto

A primeira edición de WordCamp Galicia rematou o pasado domingo na Facultade de Dereito do Campus de Elviña, na Coruña, cun balance que a organización cualifica de moi positivo. Durante tres xornadas, a cidade foi sede por primeira vez dun encontro destas características, que reuniu a 250 persoas entre profesionais do sector dixital, creadoras e creadores de contido, estudantes, empresas e entidades sociais.
Un peche dedicado á colaboración aberta
A xornada de clausura, celebrada o domingo, estivo centrada no chamado Contributor Day, un espazo no que as persoas participantes traballaron de xeito voluntario e conxunto para contribuír directamente ao desenvolvemento do software libre. Organizadas en distintos grupos temáticos —entre eles tradución, desenvolvemento, soporte técnico, deseño, accesibilidade e documentación—, decenas de asistentes achegaron melloras a unha ferramenta que, segundo os datos achegados pola organización, dá soporte a máis do 40 % das páxinas web existentes en todo o mundo.
Esta sesión final serviu tamén como punto de encontro para as comunidades tecnolóxicas da cidade, que debateron sobre as dificultades que atopan á hora de impulsar espazos de investigación e desenvolvemento, sobre os retos que propón a intelixencia artificial no eido profesional e sobre o papel que estas comunidades poden desempeñar na defensa de determinados valores dentro do sector.
Tres días de actividade continuada
O programa iniciárase o venres cun obradoiro de iniciación e unha maratón de desenvolvemento colaborativo (hackathon), na que se traballou xunto con tres asociacións. O sábado tivo lugar a xornada central, cunha vintena de especialistas que abordaron, entre outras cuestións, o futuro da intelixencia artificial e o seu impacto no deseño e o desenvolvemento web, así como a chamada desconexión dixital. Tamén se trataron materias como o comercio electrónico, o posicionamento en buscadores (SEO) e o deseño accesible.
Entre os resultados concretos destes tres días, a organización destaca a creación, de balde, de tres páxinas web para entidades sociais galegas, a celebración de máis de vinte conferencias e obradoiros, e a xeración de numerosas achegas directas a proxectos de código aberto.
Agradecementos e continuidade do proxecto
Dende a organización de WordCamp Galicia agradecéuselle a colaboración da Universidade da Coruña, así como a implicación das 250 persoas asistentes, as e os relatores, os equipos de voluntariado e patrocinadores como WordPress.com, Bluehost, WooCommerce e Hostinger, ademais de distintos provedores e empresas locais que fixeron posible a celebración deste primeiro encontro na cidade herculina.
Segundo valora a propia organización, esta edición consolida tanto á Coruña como a Galicia como un punto de referencia dentro do mapa dixital e tecnolóxico.