A Coruña celebra a Semana Europea da Mobilidade con actividades para a cidadanía
Esta mañá deu comezo a Semana Europea da Mobilidade 2024 coa inauguración da exposición municipal ‘Espazos públicos: antes e agora na Coruña’ sobre a transformación urbana da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, asistiu á apertura no Obelisco acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz; o concelleiro de Urbanismo e Rehabilitación, Francisco Díaz Gallego; e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, centro de actividades e postos de información durante toda a semana.
En total, o Concello programou unha vintena de actividades orientadas á posta en valor do espazo público e a mobilidade sostible da man de asociacións vinculadas á temática como Stop Accidentes, Mobi-liza e Galicia Rollers xunto con técnicos municipais e servizos como a Policía Local. Nesta edición, o lema escollido é ‘Combina e móvete’ en referencia ás diferentes posibilidades de mobilidade que ten a cidade. Nese sentido, a alcaldesa fixo referencia ao éxito das bonificacións implantadas no billete do bus urbano e á rede de Bici Coruña e destacouno como “un dos servizos públicos de bicicletas de referencia en España”.
Actividades, do 16 ao 22 de setembro
Durante toda a semana, agás o domingo 22, o Obelisco acollerá os seis postos temáticos en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Ademais estarán presentes tamén dúas exposicións organizadas polo Concello: ‘Espazos públicos: antes e agora na Coruña’ e ‘Calidade do aire’. Estas dúas combinaranse coas do Centro Integral da Mobilidade (CiMOB) da Coruña e a Policía Local, ademais da organizada por Stop Accidentes sobre autobuses e tranvías no Fórum Metropolitano.
Ademais, todos os días dende as 17.00 horas, Afundación terá cita no marco de ‘Pedalear e conversar’ e ata as 19.00 horas, o CiMOB, localizado na Estación de Autobuses, contará coas súas portas abertas para que os veciños da Coruña poidan visitar as instalacións e coñecer de preto o seu traballo.
Como remate da Semana Europea da Mobilidade, o Concello volve organizar unha edición do día sen coches con diversas actividades lúdicas e deportivas co obxectivo de concienciar sobre a capacidade do espazo público de albergar actividades para a cidadanía. Nos últimos anos o desenvolvemento da cita tiña lugar na rúa de San Andrés. Por mor das obras de humanización, este ano 2024 terá lugar na rúa Manuel Murguía.