A Coruña avanza na humanización da rúa Sagrada Familia cun proxecto de 673.000 euros

ACoruñaXa
O Concello inicia a reurbanización dun tramo que mellorará máis de 1.600 metros cadrados e impulsará a Rolda Peonil
Imaxe aerea do barrio sa Sagrada Familia na Coruña
9 Dec 2024

O Concello da Coruña adxudicou esta semana as obras de reurbanización da rúa Sagrada Familia, unha das intervencións prioritarias deste mandato segundo destacou a alcaldesa Inés Rey. O proxecto transformarase nun espazo de prioridade peonil, reorganizando máis de 1.640 metros cadrados entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime.

A actuación, que conta cun orzamento de máis de 673.000 euros, inclúe a elevación da calzada á altura das beirarrúas para crear unha plataforma única, o que favorecerá o tránsito peonil e mellorará a accesibilidade. Ademais, renovarase a rede de saneamento, a iluminación pública e os sistemas de pluviais.

O espazo contará tamén con novo mobiliario urbano, como bancos, mesas con taboleiros de xadrez, un aparcadoiro de bicicletas, unha fonte e un aseo autolimpable. Tamén se instalarán 32 áreas verdes con árbores como bidueiros, pradairos xaponeses e oliveiras bonsái.

Os traballos, adxudicados á UTE Jardinería Arce – Manuel Rivas Boquete tras un proceso no que se recibiron cinco ofertas, terán unha duración estimada de sete meses e realizaranse en tres fases. No 2025 está prevista a humanización do seguinte tramo da rúa, completando a Rolda Peonil que conecta San Diego coa Agra do Orzán.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que “o noso obxectivo é facer unha cidade cada vez máis para vivila, e a Rolda Peonil é un bo exemplo, porque alí onde actuamos abriron máis negocios e aumentou a satisfacción veciñal co seu barrio”.

⚙ Configurar cookies
0.70073699951172