A Coruña aproba un orzamento de 375 millóns para 2026, con máis gasto social e 58 millóns para os barrios

ACoruñaXa
As contas, ratificadas no pleno cos votos do Goberno local e do BNG, elevan a partida de Protección e Promoción Social ata máis de 42 millóns de euros e manteñen o impulso do Plan de Barrios
A CORUÑA inés rey
29 Jan 2026

A Coruña contará en 2026 cun orzamento municipal de 375 millóns de euros, tras a aprobación definitiva das contas no pleno celebrado este xoves. O documento saíu adiante cos votos favorables do Goberno local e do grupo municipal do BNG, despois de que o orzamento fose aprobado inicialmente en decembro e sometido a exposición pública entre o 2 e o 23 de xaneiro.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno, José Manuel Lage, destacou o carácter ‘expansivo’ dunhas contas que sitúa como as segundas máis elevadas da historia do municipio. Un dos eixos do orzamento é o chamado ‘escudo social’: a partida de Protección e Promoción Social supera os 42 millóns de euros, o que supón dez millóns máis que no exercicio anterior.

Durante o trámite de alegacións, segundo detallou o Goberno municipal, foron catro as reclamacións admitidas parcialmente. Iso traduciuse nun incremento das axudas a entidades a través de convenios nominativos, unha vía coa que o Concello asegura apoiar a máis de 250 asociacións sociais, culturais e deportivas.

Outro bloque central do orzamento é o investimento nos barrios, cunha previsión de 58 millóns de euros en 2026. O Concello enmarca este capítulo na primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, coa idea de definir unha folla de ruta por distritos con actuacións a curto, medio e longo prazo tanto en espazos públicos como en equipamentos municipais.

Entre as liñas mencionadas figuran o Plan de Parques Infantís, con actuacións previstas como o primeiro parque infantil cuberto xunto á escola infantil do Ventorrillo; a creación de novas pistas multideporte en zonas como Lonzas e a contorna da Cubela; e novas intervencións de humanización, como a continuidade da Rolda Peonil cara ao barrio da Agra, con avances xa visibles na Sagrada Familia.

A vivenda ocupa tamén un papel destacado. O Concello anuncia máis recursos para a construción de vivenda pública, con máis de 4,5 millóns de euros destinados aos traballos en marcha en Xuxán. Ademais, prevé reforzar a empresa municipal EMVSA con 1,5 millóns de euros e ampliar as súas funcións para xestionar desde o ano que vén 500 vivendas públicas, cifra que, segundo o Goberno local, seguirá aumentando.

As contas inclúen tamén medidas para reforzar Urbanismo e avanzar na regularización das vivendas de uso turístico (VUT), así como máis fondos para accesibilidade e rehabilitación.

Por último, o orzamento recolle achegas municipais vinculadas a proxectos compartidos con outras administracións, como a estación intermodal, o Novo CHUAC, a Cidade das TIC e Coruña Marítima, que o Goberno local sitúa como actuacións estratéxicas para a cidade.

⚙ Configurar cookies
0.079141855239868