A Coruña apoiará este ano a 37 entidades e asociacións musicais da cidade a través dun plan de axudas

ACoruñaXa
O Concello destina 200.000 euros a este Plan, que contribúe a visibilizar ás agrupacións “que representan a identidade da nosa cidade e os nosos barrios, tamén a diversidade de tradicións e culturas coruñesas”
Imaxe da A.C Donaire na Coruña
Imaxe da A.C Donaire na Coruña
8 Xuño 2024

O Concello da Coruña vén de resorver a convocatoria do Plan de apoio ás entidades musicais locais de cara a este ano 2024, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey contribúe á difusión da oferta musical das asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade cultural na cidade, cun grao de implementación social representativo e cunha formulación artística, musical e de baile.

O prazo para solicitar as axudas abriuse a mediados de xaneiro e, tras avaliar as propostas presentadas, hoxe adxudicáronse un total de 160 actuacións a 37 entidades e asociacións da Coruña, “que representan a identidade da nosa cidade e os nosos barrios, tamén a diversidade de tradicións e culturas coruñesas”, subliñou a alcaldesa.

Entre as entidades beneficiarias deste ano están a Asociación Cultural Xacarandaina, a Asociación de Coros e Danzas Eidos, a Agrupación Musical Emilia Pardo Bazán, os Tunos Veteranos da Coruña, Madrigalia, Donaire, a Polifónica Coruñesa Canticorum, o Coro Vocalisse, Amizades, Cántigas da Terra, a Asociación Brigantia, a Cuarentuna de Veteranos, a Coral Polifónica El Eco, Maghúa, Son D’Aquí, Contiños da Feira, os Amigos do Acordeón, Costumes, a Asociación Cultural Canta Compaña, Cantabile, a Orquestra e o Coro Gaos, Tanxedoira, El Acorde Secreto, as Pandereteiras Sen Fronteiras, Aturuxo, Follas Novas, o Orfeón Herculino, Diapasón, Os Gaiteiriños, a Agrupación Musical Albéniz, Sancta María Maris, La Trova, Tres por Cuatro, Espadana Tradicional, a Asociación Cultural de Personas Cegas e con Discapacidade Visual e a Asociación Xogos Tonais.

A relación completa de asociacións beneficiarias pode consultarse nesta ligazón.

Ao igual que o ano pasado, o Concello da Coruña destina 200.000 euros a este Plan de apoio, o importe máis elevado desde que se puxo en marcha este programa. Cómpre lembrar que a colaboración coas entidades faise baixo un formato de cofinanciación coa Deputación.

Presenza na romaría de Santa Margarida e as Festas de María Pita

O Plan de apoio ás entidades musicais locais permite, ano tras ano, apoiar a programación cultural e actividade das agrupacións musicais coruñesas, que teñen presenza en eventos tan destacados como a Romaría de Santa Margarida ou as Festas de María Pita, na tempada estival.

Tamén nas Festas nos Barrios que impulsa o Concello nos diversos distritos da cidade, con actuacións en puntos como O Castrillón, O Ventorrillo, Monte Alto e Elviña, entre máis barrios.

A isto súmase, ademais, a implicación xa habitual dos corais da cidade en datas como as festas de Nadal, con actuacións ao aire libre en datas como a Noiteboa.

0.062278032302856