A Coruña afianza a contención do alugueiro tras a declaración de zona tensionada

ACoruñaXa
Os datos do Observatorio de Vivenda de Galicia amosan unha baixada do prezo medio no segundo semestre de 2025 e a cidade lidera en Galicia a sinatura de contratos
A CORUÑA vista panorámica
14 Jan 2026

A Coruña pechou 2025 cunha tendencia de estabilización e descenso no mercado do alugueiro desde a entrada en vigor da Zona de Mercado Residencial Tensionado, activada o 30 de xullo. Segundo os datos do Observatorio de Vivenda de Galicia, no segundo semestre do ano o prezo medio dos contratos asinados na cidade foi á baixa, despois de rexistrar o máximo anual en xullo (761 euros).

A evolución mensual recollida polo organismo autonómico reflicte un retroceso progresivo: 714 euros en agosto, 715 en setembro, 736 en outubro, 713 en novembro e 686 euros en decembro. En termos globais, o prezo medio de xaneiro a xullo situouse en 735,86 euros, mentres que de agosto a decembro baixou ata os 712,80 euros. No conxunto de 2025, a media anual quedou en 726,25 euros.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que ‘seguimos sendo a cidade co prezo máis elevado mais pouco a pouco seguimos avanzando non só na súa contención senón na baixada, sendo a única cidade galega que o alugueiro volve descender de forma sostida’. A rexedora engadiu que a zona tensionada ‘non é unha medida máxica nin definitiva’, pero defendeu que os datos oficiais apuntan a un cambio de tendencia ‘cando se aplica con rigor e pensando no interese xeral’.

No que respecta á actividade do mercado, A Coruña tamén mantivo un volume alto de contratación. En 2025 asináronse 5.594 contratos de alugueiro, 116 máis que en 2024 (5.478), e foi a cidade galega con máis operacións rexistradas. No último mes do ano contabilizáronse 421 contratos, por diante de Vigo (399) e Santiago (251). Para o Goberno local, esta dinámica evidencia que conter prezos ‘non significa frear o mercado, senón facelo máis xusto e equilibrado’.

No apartado de demandas á Xunta, o Concello reclamou unha maior implicación autonómica, especialmente cun réxime sancionador que faga máis efectiva a medida e cunha aposta decidida pola vivenda pública. O Executivo municipal lembra tamén que puxo terreos a disposición cando se lle solicitaron, que incrementou a porcentaxe destinada a parque público en grandes desenvolvementos e que impulsa accións como o control das vivendas de uso turístico.

⚙ Configurar cookies
0.080497980117798