A Coruña adxudica as obras da Avenida da Sardiñeira que revitalizarán o barrio

ACoruñaXa
As obras na Avenida da Sardiñeira terán un prazo de execución de 14 meses. Ademais o Concello asinou a addenda que modifica o convenio coa Xunta e ADIF de cara a incrementar os espazos de estacionamento na nova estación intermodal
Imaxe da Xunta do Goberno Local celebrada o 14 de marzo no Concello da Coruña
14 Mar 2024

O Concello adxudica as obras de reurbanización da avenida da Sardiñeira, que dotará de accesos á estación intermodal e revitalizará o barrio. Así o confirmaba esta mañá a Xunta de Goberno Local na que se deu luz verde ao comezo das obras.

Neste sentido procederase á reurbanización da avenida da Sardiñeira, unha iniciativa que contará cun investimento de 1,8 millóns de euros e permitirá mellorar os accesos á estación intermodal así como mellorar a urbanización desa vía co fin de contribuír á revitalización do barrio.

As obras suporán unha transformación total do sector superior lindeiro á estación, onde se creará unha nova glorieta que conectará coa avenida de Arteixo, ampliaranse os espazos peonís e se construirá un novo treito de carril bici, bidireccional, cun percorrido comprendido entre o IES da Sardiñeira e o cruzamento da avenida coa rolda de Outeiro.

Esta última medida dá continuidade ao plan do Goberno de Inés Rey para promover a mobilidade sostible na cidade, habilitando infraestruturas desta tipoloxía en todos os barrios, ao abeiro da expansión do servizo municipal BiciCoruña. Un dos aspectos destacados desta actuación será a remodelación dos sentidos de circulación da avenida da Sardiñeira, unha medida que vai aparellada á renovación dos espazos públicos da propia avenida.

A este respecto, e cando conclúan as obras de reurbanización, a circulación seguirá a ser en doble sentido no sector oeste da avenida, cun dous carrís diferenciados, e ata o cruzamento coa rúa Europa. A partir de aí, no sector leste, manterase unicamente un carril de circulación, en dirección á rolda de Outeiro e con saídas laterais ás rúas do circuíto interior da Sardiñeira.

Os traballos, adxudicados hoxe á UTE integrada polas empresas Canarga e Prace Servizos e Obras, terán un prazo de execución de 14 meses. “Con esta intervención queremos mellorar a calidade urbana do barrio e a súa contorna, complementando as actuacións que xa se están a realizar para crear a propia estación intermodal, entre A Sardiñeira e Os Mallos, aproveitando os avances dunha obra que será fundamental para o futuro da cidade e que tamén contribuirá ao desenvolvemento dos barrios lindeiros”.

Os espazos destinados ao estacionamento de vehículos na Estación Intermodal

Por outra banda, a alcaldesa informou tamén de que o Concello asinou xa a addenda ao convenio subscrito entre o Concello, a Xunta e ADIF correspondente ás obras de construción da estación intermodal.

A addenda rubrica a modificación de convenio que se aprobou a finais de decembro no Pleno municipal, co obxectivo de incrementar a dotación de espazos de estacionamento na estación intermodal, unha necesidade trasladada polo Goberno de Inés Rey.

Segundo o formulado inicialmente, a estación ía contar cun aparcadoiro subterráneo dotado con 350 prazas de estacionamento. O Concello, tras analizar o servizo e tendo en conta as obras de reurbanización que tamén permitirán mudar a fachada da avenida da Sardiñeira, considerou que era preciso aumentar a cabida do dito estacionamento para ofrecer un mellor servizo público. Por esta razón, construirase finalmente un aparcadoiro cun total de

575 prazas de estacionamento. O incremento sobre o custo inicialmente previsto, 1,8 millóns de euros, o asume integramente ADIF.

A maiores, Inés Rey tamén incidiu en que na avenida da Sardiñeira se creará unha nova zona de estacionamento formato ‘kiss and ride’, ideada como un lugar de parada de curta duración para facilitar a chegada e recollida de viaxeiros no lugar no que se localizará o acceso á estación de autobuses.

0.16363096237183