A Coruña acometerá melloras nos barrios de Monte Alto, Labañou, Os Rosales e As Xubias
O Concello de A Coruña, a través da súa Xunta de Goberno Local, aprobará este mércores un paquete de intervencións nos barrios de Monte Alto, Labañou, Os Rosales e As Xubias, cunha inversión que supera os 400.000 euros. As actuacións, enfocadas en resolver demandas veciñais en materia de seguridade viaria, accesibilidade e mellora de espazos públicos, inclúen proxectos prioritarios como a reordenación da estrada dos Fortes, a peonalización da rúa Tolerancia en Labañou e a eliminación de barreiras arquitectónicas en varios puntos clave.
A estrada dos Fortes, que une a rolda de Outeiro co cemiterio de San Pedro de Visma, é un dos lugares onde se levarán a cabo as intervencións máis destacadas. Debido ao intenso tránsito que soporta, este tramo viario representa un risco especial para a poboación, xa que conta con accesos a colexios, como o Calasanz e o Calasancias, e ao centro de saúde dos Rosales. Neste punto, o Goberno local instalará medidas de calmado de tráfico, como a elevación de pasos de peóns e novos redutores de velocidade, ademais de reforzar a sinalización. Un radar pedagóxico xa presente na zona permite controlar o fluxo de vehículos e implementar melloras en base aos datos de velocidade recollidos. As obras, cun custo estimado de 90.000 euros e unha duración de tres meses, buscan reducir o risco e mellorar a seguridade peonil.
En Labañou, o Concello tamén acometerá a humanización da rúa Tolerancia, situada a carón dun parque infantil moi frecuentado pola veciñanza. Este proxecto inclúe a peonalización completa da rúa, cunha plataforma única que conectará a praza do Almirante Romay coa rúa Arxentina, mellorando o tránsito entre as zonas residenciais e os espazos públicos. Está previsto ampliar as zonas axardinadas, plantar novas árbores e instalar mobiliario urbano para facer a contorna máis accesible e segura para peóns. A intervención contará cun orzamento próximo aos 90.000 euros e un prazo de execución de catro meses.
Outro dos aspectos máis relevantes será a eliminación de barreiras arquitectónicas en puntos estratéxicos de Monte Alto e As Xubias, favorecendo a accesibilidade en rúas como Valencia e Curros Enríquez. Nesta última, actuarase para mellorar o acceso ás instalacións da Asociación Veciñal Atocha-Monte Alto, onde se habilitará unha nova rampla para facilitar a entrada ao edificio, moi frecuentado pola veciñanza debido a que alberga unha biblioteca pública. Tamén se elevará o paso de peóns próximo á asociación para igualar a beirarrúa e a calzada, facilitando o tránsito no acceso ao Campo de Marte.
Na rúa Valencia, a estrutura urbanística será adaptada a través dunha plataforma única que nivele a calzada e as beirarrúas, permitindo un acceso máis cómodo e seguro para persoas con mobilidade reducida. Nas Xubias de Arriba, preto do hospital de Oza, o plan inclúe melloras nos percorridos peonís, elevación de pasos de peóns, renovación do pavimento e a eliminación de barreiras para facilitar o acceso seguro ás instalacións sanitarias e residencias próximas. Estas intervencións teñen asignados máis de 237.000 euros.
O Concello reafirma así o seu compromiso coa mellora dos barrios da cidade, apostando por espazos máis seguros, accesibles e adaptados ás necesidades da veciñanza.