A Coruña acollerá a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo

ACoruñaXa
Serán dez espectáculos da man de figuras da comedia galega, estatal e internacional
Encontro mundial de Humorismo 2024
Encontro mundial de Humorismo 2024
1 feb 2024

O Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que se celebrará do 25 de abril ao 5 de maio, traerá aos teatros e salas da cidade a unha morea de cómicos e humoristas de recoñecemento nacional e internacional, como Galder Varas, Álex Clavero, Ana Morgade e Carolina Iglesias, entre outros.

O Concello da Coruña aposta un ano máis pola cita humorística, que xa é a máis relevante de España tanto polo número de espectadores que reúne en cada edición (este ano xa vendeu case 17.000 entradas, superando as 15.000 de 2023) como polas múltiples funcións e producións propias que ofrece nun único evento. A expectación xerada pola cita tradúcese nunha alta demanda de pases nas súas diferentes modalidades, tanto dos abonos, que xa foron esgotados os catro tipos nos primeiros días, como das entradas para moitos dos seus espectáculos.

Espectáculos con entradas esgotadas

A tres meses do seu inicio, o Encontro Mundial do Humorismo pendurou o cartel de entradas esgotadas para propostas como 'La capital del pecado 2.0', de Juan Dávila; ou para as dúas sesións programadas tanto de 'Esto no es un show', de Galder Varas, coma da gala 'Humoris Causa', na que se atoparán por vez primeira, xuntos nun escenario, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril.

Tampouco quedan asentos dispoñibles para o pase de 'La ruina' programado para as 12.30 horas do sábado 4 de maio, polo que a dirección do EMHU aposta por unha nova función, que terá lugar na mesma xornada, pero ás 18.00 horas. O show presentado por Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, e que en cada pase conta cunha figura convidada, destaca por facer activa a participación do público, ao que invitan a compartir, previamente, as súas "ruínas". Durante o espectáculo, os cómicos convidan a unha selección de asistentes a dar conta das súas situacións máis vergoñentas, ata escoller e premiar a máis destacada de todas.

Outra das propostas que está a piques de contar con todas as butacas ocupadas no Teatro Colón é 'Celebreixon', a estrea en solitario nos teatros do icónico Roberto Vilar; polo que a organización do evento ofrecerá desde este xoves 1 a posibilidade de adquirir as entradas para unha nova función ás 17.30 horas da tarde do domingo 28 de abril.

Dez espectáculos de gran nivel

O Encontro Mundial de Humorismo na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. Neste edición contará coa presenza das grandes figuras da comedia galega e estatal, como son Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro).

A programación de pago do EMHU contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa -'Celebreixon', 'Go Home', 'Esto no es un show', 'La nueva normalidad', 'La ruina' e a gala de clausura 'Fantastic Colofon'-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as 'Mentes peligrosas' de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala 'Humoris Causa'.

O cartel do evento completarase cunha programación de actividades paralelas, dirixidas a distintos públicos, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Para máis información, pódese visitar o espazo web oficial do evento.