A Coruña acolle mañá un roteiro literario para descubrir o pensamento e a música de Luísa Villalta
A cidade da Coruña acollerá mañá, domingo 22 de decembro, o roteiro literario 'As Colunas de Luísa Villalta e a música ao fondo', unha actividade que explorará o pensamento crítico e o legado musical da autora a través dos seus artigos xornalísticos e composicións.
Guiado por César Morán e Cláudia Morán, o percorrido comezará ás 12:00 horas na Praza de Pontevedra, diante do IES Eusebio da Guarda. A actividade está aberta a calquera persoa interesada, é de balde e non require inscrición previa.
Este evento organziado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que conta co apoio do Concello da Coruña, pretende homenaxear e dar a coñecer a relevancia dunha das figuras máis destacadas da literatura galega recente, poñendo en valor a súa conexión coa música e a cultura crítica.