A Coruña acolle mañá unha edición especial do ‘Feirarrúa’ con arte, gastronomía e un concurso de petiscos
A Coruña vivirá mañá, sábado 19 de outubro, unha edición especial do ‘Feirarrúa’, un evento centrado no arte e na gastronomía. A iniciativa, organizada pola Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC) e a Asociación de Comerciantes Soho Orzán, conta co apoio do Concello da Coruña. A xornada dará comezo ás 12.00 horas coa apertura do Mercado de Arte, que estará dispoñible ata as 20.30 horas, acompañado de actividades como obradoiros gratuítos e música en directo.
Entre as actividades destacan varios obradoiros. Ás 12.30 horas, celebrarase o obradoiro infantil "Lamber os dedos", no que os máis pequenos aprenderán a elaborar doces con praliné. Ás 17.00 horas, haberá un taller de arranxos florais para a mesa a cargo de "Te prometo un jardín de rosas", seguido dun obradoiro sobre viños ás 18.30 horas, onde a sumiller Sonia Molero ensinará como escoller un viño para acompañar unha comida, coa correspondente cata de viños naturais.
A música tamén estará presente, comezando ás 13.30 horas cunha sesión vermú a cargo de "Los Vintafonistas", e continuará ás 17.00 horas cunha sesión DJ de Rompecinturas.
Un dos momentos máis esperados será o primeiro Concurso de Petiscos, que comezará ás 13.00 horas. Os petiscos estarán dispoñibles en diferentes establecementos da rúa Orzán, onde o público poderá degustalos e votar polos seus favoritos. O gañador será elixido por un xurado e os premios entregaranse ás 20.30 horas.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Sobral, destacou a importancia de eventos como o ‘Feirarrúa’ para promover o comercio local: "Os nosos comercios e produtos son de primeira, e citas como o Feirarrúa ou os Mercados Sostible e Ecolóxico son fundamentais para darnos a coñecer e poñelos en valor", afirmou.