?> A Coruña acolle esta fin de semana a final da WSE Champions League de hóckey a patíns feminino en ACoruñaXa

A Coruña acolle esta fin de semana a final da WSE Champions League de hóckey a patíns feminino

ACoruñaXa
A competición desenvolverase no Palacio dos Deportes de Riazor durante o sábado e o domingo
A alcaldesa, Inés Rey, desexou sorte aos equipos participantes, especialmente ao Hockey Club Coruña, na recepción oficial
A alcaldesa, Inés Rey, desexou sorte aos equipos participantes, especialmente ao Hockey Club Coruña, na recepción oficial
Redacción ACoruñaXa
27 abr 2024

A Coruña acolle esta fin de semana a final a catro da WSE Champions League de hóckey a patíns feminino. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu este venres no Palacio Municipal de María Pita aos equipos participantes na final a catro da WSE Champions League de hóckey a patíns feminino, a máxima competición a nivel continental desta disciplina deportiva.

A rexedora estivo acompañada por Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes; e autoridades e representantes das demais administracións e entidades deportivas colaboradoras, entre elas o presidente da Federación Española de Hockey, Carmelo Paniagua. Tamén estiveron presentes xogadoras e directivas dos catro equipos participantes: Hockey Club Coruña, Club Patín Fraga, Hoquei Patins Vila-Sana e Hoquei Club Palau.

Inés Rey aproveitou para celebrar o gran estado de forma do deporte feminino na cidade. “Esta temporada e o logro de chegar a esta fase final por parte do Hockey Club Coruña quedarán escritos para sempre na historia do deporte feminino na cidade”, sinalou. Ademais, a rexedora celebrou que a cidade volva a acoller un grande evento deportivo. “Ademais da Final Four teremos un torneo de categorías inferiores en Riazor que converterá á Coruña na capital do hóckey feminino”, indicou.

A competición desenvolverase no Palacio dos Deportes de Riazor. A primeira semifinal será este sábado ás 17.00 horas entre Vila-Sana e Hoquei Club Palau. Ás 19.30 horas será a quenda de Club Patín Fraga e Hockey Club Coruña. O domingo ás 12.00 horas terá lugar a gran final, tamén no Palacio dos Deportes. De maneira paralela celebrarase na cidade deportiva de Riazor un campionato sub-17 e sub-13 que enfrontará a diferentes equipos nacionais e galegos.