A Coruña acolle as VIII Xornadas de dereito de familia
Este venres deu comezo na Coruña as VIII Xornadas de dereito de familia, organizadas polo Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e o Consello da Avogacía Galega, que estarán na cidade ata o sábado 13.
Ao acto de inauguración acudiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, quen durante a súa intervención incidiu no compromiso permanente da Xunta para crear “espazos singulares” e “cidades da xustiza” que, entre outras funcións, contribúan a acoller servizos como os relacionados con esta rama do dereito.
Nesta liña, puxo como exemplo as salas Gesell que o Goberno galego xa implantou en case a totalidade das cidades galegas e nalgunhas subdireccións do Imelga. Trátase de “salas de espera ou entrevistas” especialmente acondicionadas co obxectivo de garantir a protección e privacidade das vítimas -sobre todo nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables- durante a práctica de probas ou a toma de declaracións. Ademais, nestes espazos “amables” preténdese xerar un ambiente de confianza que non supoña “unha elevada carga emocional”.
A oitava edición destas xornadas congregará máis dun cento de profesionais da avogacía de toda España para abordar e actualizar os coñecementos sobre asuntos vinculados ao dereito de familia como a denominada Ley Trans, os tributos de sucesións, a liquidación de réximes matrimoniais, a vivenda familiar no concurso, o recurso de casación en materia de familia, a intelixencia artificial aplicada a este ámbito, así como a análise da xurisprudencia máis recente do Tribunal Supremo en temas de familia, discapacidade e filiación.
José Tronchoni salientou a colaboración da Administración autonómica cos distintos operadores xurídicos e a importancia de apoiar o labor dos profesionais da xustiza a prol da axilidade, a eficiencia e o achegamento do labor xudicial á cidadanía.