A Coruña acolle ‘As Elixidas’, un encontro de liderado feminino no ámbito local
Os días 10 e 11 de decembro, A Coruña converterase no centro do liderado feminino no poder local coa celebración de As Elixidas, un encontro que reunirá a alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outras rexións de España. Este evento, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración co Concello da Coruña, terá lugar no Pazo de María Pita e no Palexco, destacando a importancia do papel das mulleres na política municipal.
O principal obxectivo destas xornadas é fomentar a participación feminina na política e fortalecer alianzas para superar os retos que implican liderar desde a proximidade. En Galicia, só 71 dos 313 concellos contan cunha alcaldesa, un exemplo do déficit de representación feminina que tamén afecta aos outros países participantes. O programa incluirá mesas redondas, obradoiros e conferencias para poñer en valor o traballo das mulleres na construción de políticas públicas equitativas e promover redes de sororidade como REFELA (Rede de Mulleres Electas Locais de África).
O evento celebrarase no marco do Día Internacional dos Dereitos Humanos baixo o lema "Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!", subliñando a necesidade de garantir a participación plena das persoas na vida pública. A inscrición está aberta ata o 3 de decembro a través do formulario dispoñible en este enlace.
PROGRAMA DAS XORNADAS
Martes, 10 de decembro
Localización: Palexco - Loft Dársena (espazo exclusivo para mulleres)
- 16:00 h: Panel 1: As mulleres na toma de decisións no ámbito local: metas e desafíos.
- Leticia Santos (alcaldesa de Moaña)
- Jovial Setina (Consello Municipal de Homoíne, Mozambique)
- Maria Clara Rodrigues (Asemblea Municipal de Praia, Cabo Verde)
- Uxía Oviedo (alcaldesa de Maceda)
- Moderadora: Felicidad González (educadora social, Concello de Cabanas).
- 17:15 h: Obradoiro: Ferramentas para afrontar as violencias políticas.
- Impartido por Arabías.
Mércores, 11 de decembro
Localización: Palexco - Loft Dársena (espazo exclusivo para mulleres)
- 9:30 h: Panel 2: Mulleres no poder local: promotoras de políticas de equidade de xénero.
- Geraldina Bonifácio (Consello Municipal de Boane, Mozambique)
- Dora Pires (Asemblea Municipal de São Vicente, Cabo Verde)
- Elcione Ramos (alcaldesa de Igarassu, Brasil)
- María Teresa Villaverde (alcaldesa de Lousame)
- Moderadora: Rocío Fanego (educadora familiar, Concello de Guitiriz).
- 11:15 h: Panel 3: A sororidade como ferramenta: O rol das redes de mulleres electas no ámbito local.
- Maria Helena Langa (REFELA, África austral)
- Helena Bandeira (Consello Municipal de Mocímboa da Praia, Mozambique)
- Aline Martins (programa +Iguais, Brasil)
- Margalida Fullana (alcaldesa de Algaida, Illas Baleares)
- Moderadora: María José Paz (pedagoga, Concello de Fene).
- 12:00 h: Conferencia maxistral: Imaxina ser humana.
- Princesa Peixoto (UCCLA).
- 13:15 h: Lectura e sinatura da Declaración da Coruña.
- 13:45 h: Sesión de peche:
- Lara Fernández (Concelleira de Cultura e Igualdade, Viveiro).
- Nereida Canosa (Concelleira de Igualdade, A Coruña).