A Coruña acolle a segunda edición do Modiña Summit, o gran encontro da industria téxtil galega

ACoruñaXa
O Concello apoia esta iniciativa que reunirá deseñadores, empresarios e influencers do sector os días 7 e 8 de novembro
Presentación do Modiña Summit
22 Out 2024

A Coruña converterase, unha vez máis, no epicentro da moda galega coa celebración da segunda edición do Modiña Summit, que terá lugar os próximos 7 e 8 de novembro. O congreso, organizado polas empresas Galicia de Moda e Diesemm, conta co apoio do Concello da Coruña e pretende reunir a deseñadores, estilistas, influencers, provedores e empresarios do sector téxtil, para intercambiar ideas, visibilizar o talento galego e reflexionar sobre o futuro da industria.

Ignacio Martínez Dopico, director da área de Turismo no Concello da Coruña, destacou a relevancia deste encontro na presentación oficial, que tivo lugar na Real Academia Galega de Belas Artes. “A nosa cidade ten unha industria téxtil moi potente e iniciativas como o Modiña Summit son unha oportunidade para expoñer ideas innovadoras, ademais de apostar pola moda con carácter local e visión internacional”, sinalou Dopico.

Homenaxe ao deseñador José Castro

Un dos momentos máis emotivos do congreso será a homenaxe ao deseñador galego José Castro (A Cañiza, 1971-2023), un referente no mundo da moda que levou o talento galego ás pasarelas internacionais máis importantes. Castro, recoñecido por vestir celebridades e ser un dos tres deseñadores españois admitidos na prestixiosa Federación Francesa da Costura, recibirá unha merecida lembranza no evento.

Programa e localizacións

O Modiña Summit desenvolverase en dous espazos emblemáticos: a Fundación Luís Seoane e o centro empresarial ACCEDE Papagaio. O programa contará con máis de 20 conferenciantes e 30 representantes das principais empresas de moda galegas. Tamén haberá exposicións de talento téxtil galego e coloquios que tratarán temas como o impacto do márketing no retail e o futuro da industria da moda.

Ademais, o evento busca impulsar o ‘turismo da moda’, posicionando A Coruña como un destino de referencia para os profesionais e amantes da industria téxtil.

0.19776296615601