A Coruña acolle a saída da LIII Regata Rías Altas, unha das probas de vela por etapas máis destacadas do norte de España

GaliciaXa | ACoruñaXa
A competición, organizada polo Real Club Náutico da Coruña, percorrerá as augas de Viveiro, Cariño e Cedeira entre o 23 e o 26 de xullo
presentacion-regata-rias-altas
20 Jul 2026

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá na presentación da LIII edición da Regata Rías Altas, unha competición organizada polo Real Club Náutico da Coruña que está considerada a proba máis antiga das que promove a entidade e unha das regatas de vela por etapas máis esixentes do norte de España.

O acto contou tamén coa presenza do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. A proba, dirixida a embarcacións de tipo cruceiro, desenvolverase ao longo desta semana, desde o xoves 23 ata o domingo 26 de xullo, cun percorrido que partirá da Coruña e continuará cara ás augas dos municipios de Viveiro, Cariño e Cedeira.

Durante a presentación, Inés Rey puxo en valor o papel da regata como elemento de conexión entre diferentes localidades galegas e destacou que é un “motor de amizade e irmandade entre concellos da nosa terra”. A rexedora tamén resaltou o nivel deportivo da competición, que definiu como “sinónimo de prestixio no calendario deportivo galego e unha referencia para as persoas amantes da vela”.

A alcaldesa trasladou ademais o apoio do Concello á nova directiva do Real Club Náutico da Coruña, presidida por Jaime Araújo, e expresou a vontade do Goberno local de continuar reforzando a colaboración coa entidade. Entre as iniciativas xa compartidas atópase o programa deportivo Coruña no Mar.

Rey explicou que “Coruña no Mar creouse, precisamente, para propiciar a posta en valor dun dos patrimonios máis valiosos da cidade: as nosas augas. É, ademais, un programa que sustenta o noso obxectivo de promover os hábitos saudables entre o conxunto da poboación”.

Neste sentido, a alcaldesa sinalou que o Concello quere seguir impulsando este programa para achegar as disciplinas deportivas vinculadas ao medio mariño a persoas de todas as idades cunha perspectiva interxeracional e integradora. Segundo indicou, esta filosofía “de conectar o mar coa xente, casa precisamente co rumbo do Real Club Náutico e do seu equipo directivo, con Jaime á fronte”.

Ademais, Inés Rey abriu a porta a novas vías de colaboración entre o Concello e o Real Club Náutico con motivo do próximo centenario da entidade, que terá lugar en 2027.

“Será unha grande oportunidade para valorar a súa dimensión: a dunha entidade centenaria que non só viu crecer a campioas olímpicas como Sofía Toro, senón que leva desde os seus inicios formando persoas”, afirmou a alcaldesa, quen engadiu que “o deporte, moito máis alá dos resultados, é saber gozar dun proceso que tamén é un adestramento para o resto da vida”.

0.14949297904968