A Coruña abre o 12 de xaneiro as inscricións para o V Intercambio Escolar do Eixo Atlántico con destino a Guimarães

O Concello da Coruña abrirá o vindeiro 12 de xaneiro o prazo de inscricións para os centros que queiran participar no V Intercambio Escolar Eixo Atlántico 2025-26, que nesta edición terá como cidade anfitrioa Guimarães, no norte de Portugal. A iniciativa está dirixida a alumnado de 5º e 6º de Primaria dos colexios públicos da cidade.
Os centros interesados deberán remitir antes do 31 de xaneiro unha memoria coas actividades propostas para desenvolver na Coruña cando reciba ao grupo portugués visitante. O documento deberá enviarse ao correo educacion@coruna.gal, cunha extensión máxima de 20 páxinas en Arial 11 e interliñado simple, e poderá incorporar materiais gráficos explicativos.
A memoria deberá incluír unha folla inicial co nome e obxectivo do proxecto, o centro educativo, o grupo participante (por exemplo, 5º A ou 6º C) e o profesorado responsable. Os proxectos deberán conter accións que favorezan o coñecemento da cidade e do propio grupo escolar coruñés por parte do alumnado portugués, con especial peso para as actividades tanto na cidade como no centro.
O grupo seleccionado viaxará durante tres días entre abril e maio a Guimarães, con todos os gastos cubertos, para coñecer a cultura e o patrimonio da localidade. A clase elixida poderá estar integrada por un máximo de 30 participantes, incluíndo dous docentes (é dicir, ata 28 alumnos e alumnas).
O programa busca reforzar os lazos entre escolares dos municipios de Galicia e do norte de Portugal que forman parte do Eixo Atlántico. Cada ano realízase un sorteo que determina as parellas de cidades que participan no intercambio. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, salientou que iniciativas deste tipo son relevantes para transmitir ás persoas máis novas a proximidade e a veciñanza cultural, e enmárcanse nas liñas educativas do Goberno municipal de Inés Rey.