A Coruña abre as inscricións para as 'X Xornadas Gastronómicas Lacónicas'
Xa está aberta a inscrición para participar na décima edición das Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, coñecidas como ‘Lacónicas’. O evento, consolidado como unha das citas gastronómicas de referencia na cidade, celebrarase do 13 de febreiro ao 9 de marzo. Os establecementos de hostalería interesados teñen de prazo ata as 14:00 horas deste venres 24 para formalizar a súa participación.
“O Goberno de Inés Rey aposta un ano máis polo turismo gastronómico a través desta iniciativa, que busca poñer en valor un dos pratos máis representativos da cociña galega, impulsando ao mesmo tempo a hostalería local”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Os locais participantes deberán seguir o modelo de “Menú Lacónicas, Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos”, ofrecendo un menú tradicional baseado na proposta da laconada. Este menú incluirá un primeiro prato (como sopa ou similar), un prato principal de laconada, e sobremesas clásicas como filloas e/ou orellas. Ademais, deberá incluir bebida (auga, refrescos, cervexa ou viños de denominación de orixe galega) e opcionalmente café.
Todos os pratos deberán ser elaborados principalmente con produtos galegos de quilómetro 0, promovendo a sustentabilidade e a economía local. O prezo do menú oscilará entre os 20 e os 40 euros por persoa.
A participación nestas xornadas é completamente gratuíta. Os establecementos que desexen anotarse deberán solicitar un formulario online escribindo ao correo electrónico xornadaslaconicas@gmail.com. As bases completas da convocatoria poden consultarse a través da ligazón dispoñible na web do Concello.
As Xornadas Lacónicas representan unha oportunidade para que os restaurantes e bares da Coruña mostren o seu talento gastronómico e contribúan a promocionar a cidade como un destino de excelencia culinaria.