A convivencia das persoas maiores volve reunir veciñanza e institucións en Cambre

A XVII Xuntanza do Maior reuniu onte en Cambre ás persoas maiores do municipio nunha cita xa consolidada no calendario local. A xornada, celebrada no polideportivo de Os Campóns, en Sigrás, estivo centrada na convivencia, no reencontro veciñal e na posta en valor do papel activo da poboación maior na vida social do concello.
No encontro participaron a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, e a responsable de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal. Tamén asistiron representantes da corporación municipal, que acompañaron ás persoas participantes durante unha xornada de carácter festivo e social.
A cita serviu para reforzar os lazos entre a veciñanza e para reivindicar a importancia de promover espazos de encontro dirixidos ás persoas maiores. Desde o ámbito municipal destacaron o bo ambiente vivido durante a celebración e agradeceron a participación das persoas asistentes, subliñando a vontade de seguir impulsando un Cambre máis activo, participativo e unido.