A Compañía de Tranvías e UNICEF suman forzas para defender os dereitos da infancia

ACoruñaXa
Os autobuses municipais da Coruña difunden a campaña 'Somos Infancia', que invita á sociedade a ver o mundo cos ollos dun neno
Tranvías Coruña UNICEF
15 Nov 2024

A Compañía de Tranvías da Coruña colabora con UNICEF para promover a campaña divulgativa 'Somos Infancia', unha iniciativa que convida a sociedade a adoptar a mirada dun neno para entender mellor as súas necesidades e dereitos. Esta campaña, que utiliza o simbolismo das “gafas azuis” para animar aos adultos a ver o mundo desde a perspectiva infantil, enmárcase no Día Mundial da Infancia, que se celebra o próximo 20 de novembro.

O acordo para levar a cabo esta acción foi asinado por Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías da Coruña, e María Montalvo, presidenta de UNICEF Comité Galicia. Durante os próximos dez días, os usuarios do transporte público coruñés atoparán cartelería e outros materiais informativos nos autobuses municipais. Estes materiais inclúen un código QR que permitirá acceder ao contido sobre a labor de UNICEF en prol da infancia.

UNICEF, liderado global na defensa da infancia

A campaña 'Somos Infancia' quere chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, dar a coñecer os seus dereitos e concienciar á poboación sobre a importancia de traballar cada día polo seu benestar e desenvolvemento.

UNICEF é a organización líder mundial na defensa dos dereitos dos nenos e traballa en máis de 190 países para garantir que todos os nenos, especialmente os máis vulnerables, teñan dereito a crecer sans, asistir á escola, vivir protexidos e acceder ás mesmas oportunidades.

 

⚙ Configurar cookies
0.62386202812195