A Comitiva Real percorrerá Curtis e Teixeiro o luns 5 con recepcións para a cativada

O Concello de Curtis ten xa preparado o recibimento ás Súas Maxestades, que este luns 5 de xaneiro protagonizarán o desfile da Comitiva Real polas rúas de Curtis e Teixeiro, cun horario de saída fixado ás 18.00 h e percorridos diferenciados en cada localidade.
En Curtis, a comitiva partirá desde a Praza da Estación e continuará pola Avenida Principal e a rúa Alcalde Espiñeira ata finalizar no Recinto Feiral, onde terá lugar a recepción dos Reis Magos.
En Teixeiro, o itinerario comezará no Edificio de Usos Múltiples e seguirá pola Avenida Buenos Aires, Avenida Luis Novo e Avenida Martínez Pardo, para pasar pola Praza de España e continuar pola rúa Río Mandeo e a rúa Faragulla ata chegar ao pavillón, onde tamén se celebrará a recepción real.
Como broche da xornada, o Concello anunciou que haberá chocolate e roscón para as persoas asistentes.