A cobertura da TDT reforzarase en Abegondo cunha axuda da Xunta

ACoruñaXa
O Concello recibirá 2.232,25 euros para actualizar o centro de extensión de sinal e evitar problemas derivados dos cambios tecnolóxicos
television-recurso
19 May 2026

O Concello de Abegondo recibirá unha subvención autonómica de 2.232,25 euros para adaptar o centro de extensión de cobertura da Televisión Dixital Terrestre (TDT) situado no termo municipal. A actuación permitirá actualizar a instalación e garantir que o sinal televisivo continúe chegando con normalidade á veciñanza.

O alcalde, José Antonio Santiso, destacou a importancia desta achega para manter un servizo esencial, especialmente nun concello con núcleos rurais nos que a cobertura pode verse afectada polos cambios técnicos na rede. Segundo explicou, a axuda servirá para 'adaptar a instalación aos novos cambios tecnolóxicos e garantir que a veciñanza continúe recibindo con normalidade o sinal da televisión dixital'.

A intervención forma parte do plan impulsado pola Xunta de Galicia para apoiar aos concellos na modernización dos seus centros de extensión de cobertura. No caso de Abegondo, os fondos permitirán realizar as melloras necesarias para asegurar a compatibilidade das instalacións co novo sistema de emisión da TDT.

Santiso subliñou que esta actualización permitirá previr posibles incidencias na recepción do sinal e reforzar a calidade dos servizos de comunicación no municipio. O Concello enmarca esta actuación no seu compromiso por manter infraestruturas adaptadas ás novas necesidades tecnolóxicas e garantir a continuidade do servizo para todos os veciños e veciñas.

0.1189558506012