A CIG-Saúde denuncia que a Xunta destinará case 45 millóns de euros a contratar servizos sanitarios privados

GaliciaXa | ACoruñaXa
O sindicato critica a externalización de procesos médicos, intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas e tratamentos de hemodiálise na área sanitaria da Coruña e Cee
A CORUÑA chuac comedor
24 Nov 2026

A CIG-Saúde da Coruña denuncia que a Xunta de Galicia continúa apostando pola contratación de servizos sanitarios privados en lugar de reforzar os recursos da sanidade pública. O sindicato critica a autorización do Consello da Xunta para tramitar un acordo marco de contratación de servizos sanitarios complementarios, cun orzamento de licitación de 44.963.132 euros.

Segundo explica a organización sindical, o acordo terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga durante outros tres. Para a CIG-Saúde, este prazo demostra que non se trata dunha medida puntual para responder ás necesidades asistenciais, senón dunha aposta por manter a externalización de servizos a longo prazo.

O sindicato considera especialmente preocupante que a Xunta xustifique esta contratación como unha fórmula para complementar os recursos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e reducir as listas de espera. Fronte a esta formulación, defende que a Administración debería incrementar a capacidade de resposta dos centros públicos e dotalos de máis medios humanos e materiais.

Tres lotes para distintas prestacións sanitarias

O acordo marco contempla tres lotes diferenciados. O primeiro reserva máis de 24 millóns de euros para procesos médicos e intervencións cirúrxicas; o segundo supera os 10 millóns para probas diagnósticas e terapéuticas, e o terceiro destina outros 10,8 millóns a tratamentos de hemodiálise en centros hospitalarios.

A secretaria comarcal da CIG-Saúde, Isabel Golpe, considera que a dimensión económica e a variedade de prestacións incluídas amosan o alcance da política de externalización que, segundo denuncia, está a desenvolver a Xunta nunha área sanitaria que atende máis de 547.000 persoas de 37 concellos.

A representante sindical tamén relaciona esta decisión coa planificación económica do novo CHUAC. En concreto, sinala que a contratación externa se autoriza mentres o investimento previsto para as obras do hospital en 2027 baixa un 46 %, ao pasar de 100,1 a 54,1 millóns de euros. Esta redución xa fora denunciada pola Xunta de Persoal da área sanitaria. 

O sindicato pide reforzar os recursos públicos

A CIG-Saúde considera necesario coñecer que medidas está a adoptar a Administración para asumir esta actividade con medios propios, cal é a capacidade real dos centros públicos da área sanitaria e que investimentos serían necesarios para atender a demanda sen recorrer a empresas privadas.

A organización lembra, ademais, que xa solicitou á Consellería de Sanidade unha investigación ante posibles irregularidades na realización de probas diagnósticas derivadas a centros privados. Neste sentido, cuestiona os mecanismos de supervisión e control da actividade contratada e reclama que se avalíen tanto as garantías asistenciais como o impacto económico destas derivacións.

Por todo isto, a CIG-Saúde da Coruña esixe que a prioridade da Xunta sexa incrementar os recursos humanos e materiais do Sergas, reforzar os seus servizos e destinar os fondos públicos a mellorar a capacidade asistencial da sanidade pública, en lugar de consolidar a súa dependencia de empresas privadas.

0.14069795608521