A CIG intensifica as mobilizacións no comercio galego con concentracións o 7 de agosto e unha nova folga o día 15

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O sindicato denuncia a precariedade laboral no sector e reclama máis persoal, melloras salariais e un acordo marco galego de comercio
supermercado-folga-comercio
5 Aug 2026

A CIG-Servizos volverá mobilizar ás traballadoras e traballadores do comercio galego este venres, 7 de agosto, coa convocatoria de concentracións en seis cidades galegas como continuación da campaña iniciada este ano para reclamar condicións laborais dignas no sector. As protestas servirán tamén de antesala dunha nova xornada de folga convocada para o próximo 15 de agosto en todo o comercio de Galicia.

As concentracións celebraranse ás 12.00 horas diante do centro comercial Marineda, na Coruña; do centro comercial Gran Vía, en Vigo; da Confederación de Empresarios de Lugo; do Alcampo de Vilagarcía e do Alcampo da Área Central, en Santiago. No caso de Ourense, a protesta terá lugar ás 11.00 horas diante do centro comercial Ponte Vella.

O sindicato considera que o comercio continúa sendo un dos sectores con maior precariedade laboral e atribúe esta situación, entre outros factores, ao incremento do comercio electrónico e á redución dos cadros de persoal, o que, segundo denuncia, está a provocar unha maior carga de traballo para os empregados.

A CIG sinala ademais que se trata dun sector fortemente feminizado, cun elevado número de contratos a tempo parcial e importantes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. Tamén denuncia a existencia de quendas partidas, traballo en domingos e festivos e salarios que, en moitos casos, apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional.

Entre as principais reivindicacións da central sindical figuran o aumento dos cadros de persoal, a conversión de contratos parciais en xornadas completas, melloras salariais, o respecto aos períodos de descanso e medidas que favorezan a conciliación. Así mesmo, reclama a creación dun Acordo Marco Galego de Comercio que permita reforzar a negociación colectiva no ámbito autonómico.

0.12236213684082