A CIG convoca unha protesta na refinaría da Coruña contra os recortes de persoal en Repsol

ACoruñaXa
O sindicato denuncia o deterioro das condicións laborais, a falta de investimentos no complexo industrial e prepara unha folga a finais de mes
A CORUÑA manifestacion repsol
12 May 2026

A CIG convoca este mércores 13 de maio unha concentración na entrada principal da refinaría da Coruña para denunciar os recortes de persoal, o deterioro das condicións laborais e a falta de investimentos no complexo industrial de Repsol. A protesta desenvolverase entre as 14.30 e as 15.30 horas.

A mobilización chega despois das asembleas de traballadores e traballadoras celebradas nos últimos días, nas que tamén se acordou iniciar os trámites para convocar unha folga a finais deste mes. Segundo a central sindical, nun referendo interno 320 persoas apoiaron a folga fronte a 47 votos en contra, un resultado que a CIG interpreta como mostra do malestar existente no cadro de persoal.

A sección sindical denuncia que a falta de persoal está a provocar unha maior presión sobre os equipos e asegura que as prolongacións de xornada de 12 e 16 horas son cada vez máis habituais. Tamén critica os recortes aplicados recentemente na unidade de Coque, que considera un exemplo da falta de planificación por parte da empresa.

A CIG sostén que estes cambios se están levando a cabo sen unha explicación suficiente sobre como se van garantir as condicións de seguridade nin como se organizarán determinados procedementos operativos con menos persoal. Por iso, reclama a Repsol un plan industrial 'inmediato, público e con garantías' para a refinaría coruñesa.

A central sindical defende que a transición enerxética debe ir acompañada de investimentos reais no complexo e dunha protección efectiva do emprego. Nese sentido, advirte de que non aceptará que ese proceso se utilice como argumento para precarizar as condicións laborais ou reducir postos de traballo.

0.13496494293213