A CIG convoca cinco días de folga na refinería da Coruña contra os recortes de persoal

GaliciaXa | ACoruñaXa
O sindicato protesta pola redución de plantilla, as prolongacións de xornada e a falta de investimentos no complexo de Repsol
A CORUÑA folga repsol
26 Jun 2026

A sección sindical da CIG no complexo industrial de Repsol na Coruña iniciou este venres cinco xornadas de folga para denunciar os recortes de persoal, a perda de dereitos laborais e o aumento da carga de traballo na refinería. Os paros desenvólvense este 26 e 27 de xuño e continuarán os días 3, 4 e 5 de xullo, afectando a todas as quendas e departamentos.

A convocatoria foi aprobada polo persoal en varias asembleas, segundo explica o sindicato, ante a falta de medidas concretas por parte da empresa para frear a destrución de postos de traballo e garantir mellores condicións de seguridade nas instalacións.

A CIG sitúa como detonante do conflito a decisión de Repsol de eliminar unha persoa operadora por quenda na unidade de coque. Para a central, esta medida é un novo paso nun proceso de redución progresiva de emprego que, ao seu xuízo, supón 'un desmantelamento do centro de traballo aos poucos'.

O sindicato advirte de que estes recortes teñen consecuencias directas no día a día da plantilla, con máis carga laboral, peores condicións e un incremento dos riscos. Tamén denuncia a acumulación de prolongacións de xornada tanto no persoal a quendas como no de mantemento, con xornadas que, segundo a CIG, poden chegar ás 12 e mesmo ás 16 horas.

A sección sindical sostén que esta situación afecta á saúde dos traballadores, dificulta a conciliación e pode comprometer a seguridade das persoas e das instalacións. A isto engade a perda de dereitos laborais, entre os que cita a eliminación do comedor e o deterioro da calidade deste servizo.

Outro dos puntos centrais da convocatoria é a reclamación dun plan de investimentos para a refinería da Coruña. A CIG considera que Repsol debe apostar pola modernización e continuidade do complexo, do mesmo xeito que, segundo denuncia, fai noutros centros do grupo.

O sindicato chama ao conxunto do persoal a secundar os paros e a mobilizarse para defender o futuro da refinería, o mantemento do emprego e unhas condicións laborais máis seguras.

0.12290596961975