A CIG chama a mobilizarse en todas as comarcas para reclamar que a clase traballadora non pague a nova crise

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
O sindicato celebrará este xoves asembleas de delegadas e delegados e concentracións diante dos edificios da Xunta, como paso previo á folga xeral prevista para novembro
FERROL manifestacion vivenda 03.10.2026
7 Oct 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebrará este xoves, 8 de outubro, asembleas de delegadas e delegados e mobilizacións nas principais cidades galegas para reclamar medidas ante o encarecemento da vida e as dificultades de acceso a unha vivenda digna. As concentracións terán lugar diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza e servirán tamén para avanzar na preparación da folga xeral convocada para o vindeiro mes de novembro.

A central sindical enmarca estas protestas na campaña que está a desenvolver para reclamar que sexa o capital quen asuma as consecuencias da actual situación económica e para defender unhas condicións de vida dignas para a maioría social. A CIG considera “insoportábel” a suba dos prezos e denuncia que está a afondar no empobrecemento da clase traballadora, ao tempo que critica a falta de medidas dos gobernos para garantir o acceso a unha vivenda digna.

As mobilizacións comezarán ás 12.00 horas en Vigo, cunha concentración nos Capuchinos, na rúa Vázquez Varela, seguida dunha manifestación ata o edificio da Xunta. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, atenderá os medios de comunicación ás 12.30 horas diante do edificio autonómico.

Na Coruña, a concentración será ás 12.00 horas diante do edificio da Xunta, na praza de Luís Seoane. En Lugo terá lugar á mesma hora no edificio multiusos da Xunta, na Ronda da Muralla, mentres que en Ferrol será ás 12.00 horas diante do edificio da Xunta, na praza Amada García.

En Pontevedra, a CIG concentrarase ás 12.00 horas diante do edificio da Xunta. En Ourense, a mobilización desenvolverase tamén ás 12.00 horas diante do edificio administrativo da Xunta, coñecido como Casa de Chocolate.

En Compostela, a xornada comezará ás 11.30 horas cunha manifestación desde o CSC de Fontiñas, que chegará ás 12.00 horas a San Caetano. Estas asembleas e mobilizacións servirán para trasladar as reivindicacións da organización e continuar coa preparación da folga xeral prevista para novembro.

0.15025186538696