A ciencia toma Casa Arrigada con tres obradoiros gratuítos para a mocidade de Cambre

A Casa Arrigada acollerá este mes de xullo unha nova edición de 'Ciencia no Verán', unha programación impulsada polo Concello de Cambre, a través da OMIX, en colaboración coa asociación xuvenil XentD100cia. A iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 15 anos e busca achegar a ciencia dun xeito práctico, participativo e divertido.
O ciclo inclúe tres obradoiros gratuítos que se desenvolverán os días 16, 23 e 30 de xullo. A primeira sesión, prevista para o mércores 16 de xullo, celebrarase de 11.00 a 13.00 horas baixo o título 'Experimentos para compartir'. Unha semana despois, o 23 de xullo, tamén de 11.00 a 13.00 horas, terá lugar un obradoiro de estampación de camisetas.
A programación rematará o mércores 30 de xullo coa actividade 'Vexamos a eclipse', que se desenvolverá de 11.00 a 12.30 horas. Todas as propostas terán lugar na Casa Arrigada e contarán con inscrición previa a través do código QR incluído no cartel da actividade.
As persoas interesadas poden solicitar máis información a través do correo electrónico omix@cambre.org ou no teléfono 981 613 170.