A ciencia sae dos laboratorios para tomar os bares de A Coruña durante tres días

ACoruñaXa
Investigadores da UDC e doutros centros participarán no Pint of Science con charlas sobre intelixencia artificial, saúde, clima, biotecnoloxía e sustentabilidade
A CORUÑA point of science
17 May 2026

A Coruña volverá converterse nun punto de encontro entre a ciencia e a cidadanía coa celebración dunha nova edición do Pint of Science, o festival internacional de divulgación científica que leva a investigación aos bares. A cita desenvolverase os días 18, 19 e 20 de maio con charlas abertas ao público en distintos locais da cidade e coa participación de persoal investigador da Universidade da Coruña, o CICA, o CITIC, o CITEEC, o INIBIC, o CSIC, o SERGAS e outras entidades.

O obxectivo desta iniciativa é achegar o coñecemento científico á sociedade nun ambiente próximo, distendido e accesible. Durante tres xornadas, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man avances e investigacións relacionadas coa saúde, a tecnoloxía, o medio ambiente, a intelixencia artificial, a biomedicina, a sustentabilidade ou mesmo a exploración espacial.

Na cidade da Coruña, as actividades celebraranse no Bar Frei Caneca, situado na rúa Almirante Cadarso, 4, e no Bar Árnica, na rúa Herrerías, 2. No primeiro dos locais, as sesións comezarán ás 19.00 horas e abordarán cuestións como a tecnoloxía aplicada á inclusión social, o funcionamento do sistema inmune fronte ao cancro, a ciberseguridade baseada en intelixencia artificial, os materiais sostibles obtidos a partir da roupa usada ou o uso do GPS para coñecer a posición no planeta.

Pola súa banda, o Bar Árnica acollerá charlas desde as 20.00 horas centradas en temas como a dieta mediterránea aplicada á diálise, a refrixeración sostible, a antropoloxía da tatuaxe na era dixital, as terapias CAR-T, a biodiversidade mariña, a reparación do formigón mediante bacterias ou a información climática que pode achegar o pole.

A presenza da Universidade da Coruña no Pint of Science non se limitará á cidade herculina. O persoal investigador da UDC tamén participará en actividades programadas en Ferrol, Carballo, Arteixo e Brión, ampliando así o alcance dunha proposta que busca levar a divulgación científica a diferentes puntos do territorio.

En Ferrol, a programación comezará o luns 18 de maio, ás 19.00 horas, en Cuerda Floja, cunha charla de Pedro Manuel Fernández, do Grupo Integrado en Enxeñaría, sobre enerxía eólica e control de incendios a través das matemáticas aplicadas. O martes 19, no Monique Coffee, Alejandro Blanco ofrecerá unha viaxe entre o pasado dos crocodilos, os videoxogos e as matemáticas. Xa o mércores 20, no Kiwi, Lorena Acea e Lucía Santiago falarán sobre os labirintos da mente, a álxebra e o mar.

Carballo sumarase á programación o mércores 20, ás 19.30 horas, cunha conferencia sobre autismo a cargo da docente Isabel García García. En Arteixo, o Bar Latitud acollerá o martes 19, de 18.30 a 20.30 horas, unha sesión coa profesora Cristina Naya sobre o uso de materiais manipulativos para comprender as matemáticas e coa investigadora Amal Nnechchi, do CITEEC, sobre o proxecto de recuperación do río Monelos. O mércores 20, ás 18.30 horas, Elena Pazos, investigadora do CICA, falará sobre os péptidos no Bar La Ventana.

A programación completarase en Brión o luns 18, ás 18.00 horas, no Novo Faro, cunha charla da investigadora do CICA Mª del Carmen Veiga Barbazán sobre o uso de diferentes tecnoloxías para transformar residuos en bioplásticos e outros compostos de valor.

O Pint of Science celébrase de maneira simultánea en preto de 500 cidades de 27 países. A iniciativa naceu no Reino Unido en 2012, impulsada polos científicos Praveen Paul e Michael Motskin, e desde entón medrou ata converterse nunha cita internacional que promove a cultura científica, o pensamento crítico e o contacto directo entre investigadores e sociedade.

0.12957191467285