A cidade da Coruña reafirma o seu compromiso solidario co pobo ucraíno coa visita do alcalde de Mariúpol

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, recibiu esta mañá no Palacio Municipal ao alcalde de Mariúpol, Vadym Boichenko, no marco da súa visita a Galicia. O encontro simboliza a colaboración entre ambas cidades e reforza o compromiso da Coruña co pobo ucraíno, especialmente coas persoas afectadas pola invasión rusa.
A delegación de Mariúpol contou con figuras destacadas como Vitaliy Falkovski, vicealcalde; Olha Pikula, asesora en Relacións Internacionais e Comunicación; e outros representantes do Norwegian Refugee Council (NRC). Á reunión tamén asistiron membros de CESUGA e da asociación AGA Ucraína, que destacaron a importancia deste tipo de colaboracións.
Inés Rey destacou a creación da OMAPU, a Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraniano, como un exemplo do compromiso solidario da cidade. “Esta iniciativa pioneira, recoñecida a nivel europeo, demostra o espírito acolledor dos coruñeses e coruñesas”, afirmou a alcaldesa.