A cidade da Coruña arranca esta tarde a segunda edición do festival Recorda Fest

ACoruñaXa
O Recorda Fest regresa á Coruña con grandes actuacións, demostracións urbanas e iniciativas inclusivas
Imaxe das acreditacións nos Xardíns de Méndez Núñez
6 sep 2024

O Recorda Fest, o festival que marca o fin do verán na Coruña, deu inicio hoxe coas primeiras actividades abertas ao público. Desde as 11.00 horas, os Xardíns de Méndez Núñez acollen a zona de pulseración e as demostracións de skate, grazas á colaboración co Deporte Galego e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Este ano, o festival celebra a súa segunda edición no Peirao de Batería, cun amplo programa de actividades e música en directo. A apertura das portas para os concertos será ás 16.00 horas. Antes de que comece a música, os asistentes poderán disfrutar de demostracións de breakdance na plataforma provisional instalada para tal fin, de 16.00 a 16.30 horas.

O cartel de concertos para este venres 6 de setembro contará con actuacións no escenario Xacobeo de Amaral, Rulo y la Contrabanda, Sidonie, Sidecars, Besmaya, Morochos e DJ Isaac Corrales. No escenario Johnnie Walker, os deejays Adrián López, Bea Fernández, Haze, Jorge Álvarez e Adrián Gold serán os encargados de manter a festa viva entre actuacións.

Este ano, o festival dá un paso adiante en inclusión, incorporando mochilas vibratorias para persoas xordas en colaboración con ACOPROS, a Asociación de Colaboración e Promoción del Sordo. Estas mochilas permiten que as persoas xordas vivan a experiencia do festival a través das vibracións como ritmo, ademais de contar cun equipo FM integrado para aqueles que usan implantes cocleares ou audífonos.

Os asistentes tamén poderán gozar dunha ampla oferta gastronómica con oito espazos para todos os gustos: Vanetta con opcións veganas, Misco Midas con cociña de autor sobre rodas, La Chida Custom MX con sabor mexicano, Laconlover con streetfood galego, American Food con comida á brasa, Coren con bocatas exclusivos e Bico de Xeado con xeados artesanais.

Non se permite a entrada de paraugas de punta, e as portas abriranse ás 16:00 horas para garantir unha experiencia segura e agradable para todos os asistentes.

O Recorda Fest promete ser unha festa memorable, con música, diversión e inclusión para despedir o verán con estilo na Coruña.

 

 

 

 

0.1624538898468