A chave electrónica do contedor orgánico chega a máis núcleos urbanos de Arteixo

Arteixo inicia a segunda fase da implantación da chave electrónica nos contedores de residuos orgánicos. O sistema, que xa se puxo en marcha no núcleo urbano de Arteixo, estenderase agora a Oseiro, Sol y Mar, Vilarrodís, A Pastoriza e Meicende.
A medida implica que só poderán abrir estes contedores as persoas inscritas no programa municipal de mellora da fracción orgánica. A participación permitirá acceder a unha bonificación do 15% no recibo do lixo. Así, a taxa doméstica pasará dos 62,92 euros semestrais actuais a 53,48 euros.
Os veciños que non queiran separar a fracción orgánica poderán seguir depositando os seus residuos no contedor de resto, como ata o de agora. No caso dos núcleos rurais, a rebaixa do 15% tamén poderá obterse mediante a participación no programa de compostaxe doméstica.
Na primeira fase, desenvolvida no núcleo de Arteixo, xa se superaron os 1.300 fogares inscritos entre as dúas modalidades. Preto dun milleiro solicitaron a tarxeta electrónica para usar o contedor orgánico e case trescentos pediron un composteiro municipal para tratar os residuos orgánicos nunha finca da súa propiedade.
O Concello instalará de forma progresiva peches dixitais nos contedores marróns. O obxectivo é evitar a entrada de residuos impropios nesta fracción, xa que unha soa bolsa con materiais incorrectos pode contaminar o contido do recipiente e impedir a súa reciclaxe.
As persoas interesadas en solicitar a chave electrónica poden tramitala a través da web municipal, mediante o correo bonificacionrsu@arteixo.org ou de forma presencial na casa consistorial. Ata o 18 de xuño haberá tamén atención en horario de tarde, de 16.00 a 18.00 horas.
Para completar o trámite será necesario cubrir unha declaración responsable cos datos do titular da vivenda e presentar o DNI. Unha vez entregada a solicitude, a persoa recibirá a tarxeta electrónica que permite abrir o contedor orgánico e acceder á bonificación na taxa de 2026.
A apertura realízase achegando a tarxeta á zona situada á dereita do pictograma instalado no contedor. O usuario debe mantela preto ata que se acenda a luz verde ou soe o aviso de apertura. Os restos deberán depositarse nunha bolsa compostable.